SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2407677 Premios #Mulleresnofoco

A Deputación de Pontevedra, atendendo a un dos seus principios reitores, a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, é consciente da necesidade de dotar de recursos que creen as condicións necesarias para reducir as fendas de xénero aínda existentes. Por iso, convoca a primeira edición dos Premios #Mulleres no Foco de apoio ás mulleres do sector audiovisual.

Os Premios #Mulleres no Foco 2021, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), teñen como obxectivo poñer en valor o traballo da muller no audiovisual galego co fin de mudar as cifras de infrarrepresentación actuais das profesionais do sector.

Dado que a muller sofre maior invisibilidade e menor presenza no audiovisual, especialmente na dirección, segundo se mostra cada ano no informe CIMA, con esta convocatoria propóñense tres (3) premios que recoñezan o papel da muller, que recompensen e visibilicen o meritorio labor das galardoadas no seu ámbito de traballo. Para iso, na denominación do premio recollerase o campo de especialización da premiada. Cada premio contará con cadansúa dotación económica.

A través deste procedemento solicítase a participación na convocatoria dos Premios #Mulleres no Foco, cuxa finalidade é incentivar, apoiar e recoñecer o papel das profesionais galegas do audiovisual, incidindo de forma directa na participación e na promoción destas no sector.

Os premios recoñecerán a achega destacada de profesionais no audiovisual galego, preferentemente, a través dunha obra realizada e presentada ou una labor profesional especialmente salientable levado a cabo durante o ano 2020, ou como recoñecemento a unha traxectoria profesional consolidada.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Igualdade

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 31 de marzo de 2021 ata o 30 de abril de 2021

As candidaturas aos Premios #Mulleres no Foco correspondentes ao ano 2021 serán presentadas polas persoas que conformen o xurado dos premios ou polas entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego que pola súa natureza, fins ou obxectivos estean relacionadas co sector audiovisual.

Coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

  • Currículo da candidata
  • Proposta razoada. Información sobre o proxecto ou o labor salientable realizado en 2020 polo que se propón como candidata
  • Aqueloutra documentación que se estime necesaria para a posterior valoración por parte do xurado

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal)

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que prevé a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Outra normativa aplicable:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro,  do  procedemento administrativo común de las  administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril , reguladora das bases do réxime local
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra