Poderán solicitar a autorización temporal de uso das salas as asociacións da provincia de Pontevedra legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, ou a súa normativa específica, para a realización de actividades propias do seu obxecto social.
Será condición indispensable que as asociacións interesadas non teñan ánimo de lucro.
As entidades beneficiarias deberán estar ao corrente das obrigas tributarias coa Deputación de Pontevedra, Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica e coa Seguridade Social para a percepción de axudas públicas
Poderá autorizarse a realización de actividades de interese xeral e sen ánimo de lucro, acordes co uso ou destino das ditas instalacións tales como exposicións, cursos ou xornadas gratuítas que sexan organizados ou impartidos por persoas físicas ou entidades privadas.
As solicitudes de autorización presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda.
Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).
As devanditas solicitudes deberán ser formuladas pola persoa interesada ou a representante da asociación cunha antelación mínima de 15 días naturais antes da realización do evento ou actividade, co seguinte contido:
- Descrición detallada das actividades que se van realizar, identificando a persoa responsable desta, as necesidades ou motivos polos que se solicita o uso da sala e a finalidade da actividade
- Características e número de persoas destinatarias
- Horarios e días de uso da sala
- Duración predeterminada da autorización (puntual ou temporal)
Sempre que se cumpran os principios contemplados neste regulamento, a asignación das salas farase por orde de entrada da solicitude no Rexistro electrónico único da Deputación.