2346733 Subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial na provincia de Pontevedra
Descrición
Dirixido a
Poderán solicitar estas subvencións as entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio marítimo fluvial de Galicia e que reúnan os seguintes requisitos:
Carecer de fins de lucro
Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da provincia de Pontevedra
Ser titulares dos bens obxecto de rehabilitación ou mellora. Estes deberán ser de construción e tipoloxía tradicionais, feitos con elementos e procedementos tradicionais
Destinar os bens a actividades de promoción sociocultural; non poderán destinarse á pesca ou á acuicultura
Non incorrer en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co especificado no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS)
Estar ao corrente coas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, coa Administración autonómica e coa Deputación de Pontevedra
Documentación requirida
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Memoria explicativa, profusamente detallada, da actuación que se pretende desenvolver, asinada pola persoa representante, que incluirá:
Tipo de ben para o que se solicita a subvención e características e antigüidade deste.
Descrición detallada dos traballos de rehabilitación ou mellora, elementos ou partes que se pretenden reparar, tipo de procedemento e materiais que se utilizarán e os equipamentos necesarios, no seu caso. O proxecto deberá adecuarse aos procedementos e materiais tradicionais.
Descrición detallada do destino do investimento para fins de carácter sociocultural ou musealización, así como experiencia e vinculación da entidade beneficiaria na organización e participación en actividades relacionadas co patrimonio marítimo fluvial.
Anexo fotográfico ou, de non ser posible, bosquexo explicativo que reflicta o estado actual do ben e, en concreto, da parte ou dos elementos que se pretenden rehabilitar ou mellorar.
Orzamento de ingresos e gastos detallado e totalizado (coas cantidades, os prezos unitarios e o IVE) do investimento que se vai realizar, asinado pola persoa representante.
Acreditación do cargo da persoa representante legal da entidade.
Copia dos estatutos que rexen a entidade, que deberán incluír, entre os seus obxectivos, a recuperación e mantemento ou posta en valor do patrimonio marítimo fluvial da provincia.
Acreditación da titularidade do ben obxecto de rehabilitación ou mellora. A entidade deberá ser titular do ben ou instalación obxecto de rehabilitación ou mellora, ben porque sexa propietaria, ben porque dispoña dun dereito de uso ou cesión.
Compromiso de non transferir a propiedade do ben ou o dereito de uso ou cesión nun prazo de cinco anos desde o momento da concesión, no caso de resultar beneficiarias destas axudas, así como a destinalo ao fin concreto para o que se concede a subvención.
Calquera outra documentación acreditativa das circunstancias que poidan ser tidas en conta na fase de valoración.
Será responsabilidade da entidade beneficiaria a obtención das correspondentes licenzas, autorizacións ou permisos para a execución dos traballos obxecto da axuda, no seu caso.
Como facelo
As entidades interesadas poderán presentar unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra,https://sede.depo.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.
Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).