SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2346733 Subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial na provincia de Pontevedra

Procedemento de concesión, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, de subvencións destinadas á recuperación e posta en valor dos bens que integran o patrimonio marítimo fluvial na provincia para o seu uso en actividades de promoción sociocultural.

A concesión das axudas efectuarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

  • Os gastos comprenderán, concretamente, os traballos de rehabilitación en embarcacións tradicionais (tratamento da embarcación, recuperación de determinadas partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade, traballos de carenado e pintado, entre outros) co fin de recuperar o seu carácter orixinal e/ou de manter elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación. Así mesmo, incluirán todos aqueles accesorios e equipamento das embarcacións que sexan de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento...) Ditas embarcacións deberán destinarse a actividades de promoción sociocultural ou musealización. As axudas son incompatibles co uso das embarcacións para a pesca ou a acuicultura, se ben poderán empregarse para a navegación tradicional en regatas, encontros ou actividades de formación.
  • As obras de restauración e conservación subvencionadas ao abeiro desta convocatoria incluirán, así mesmo, as distintas artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural. Poderán subvencionarse os traballos de restauración e conservación de máis dun elemento incluído neste apartado, pero sempre que formen parte dun conxunto homoxéneo e así se xustifique na memoria explicativa.
  • As intervencións realizadas sobre as distintas construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais.

Todas as actuacións subvencionadas deberán desenvolverse ao longo do ano 2020 e empregarán solucións construtivas e de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais que lles sexan propios. As actuacións de restauración e conservación desenvolvidas deberán redundar sempre nunha posta en valor dos correspondentes bens patrimoniais.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 28 de outubro de 2020 ata o 27 de novembro de 2020

Poderán solicitar estas subvencións as entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio marítimo fluvial de Galicia e que reúnan os seguintes requisitos:

  • Carecer de fins de lucro
  • Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da provincia de Pontevedra
  • Ser titulares dos bens obxecto de rehabilitación ou mellora. Estes deberán ser de construción e tipoloxía tradicionais, feitos con elementos e procedementos tradicionais
  • Destinar os bens a actividades de promoción sociocultural; non poderán destinarse á pesca ou á acuicultura
  • Non incorrer en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co especificado no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS)
  • Estar ao corrente coas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, coa Administración autonómica e coa Deputación de Pontevedra

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Memoria explicativa, profusamente detallada, da actuación que se pretende desenvolver, asinada pola persoa representante, que incluirá:
    • Tipo de ben para o que se solicita a subvención e características e antigüidade deste.
    • Descrición detallada dos traballos de rehabilitación ou mellora, elementos ou partes que se pretenden reparar, tipo de procedemento e materiais que se utilizarán e os equipamentos necesarios, no seu caso. O proxecto deberá adecuarse aos procedementos e materiais tradicionais.
    • Descrición detallada do destino do investimento para fins de carácter sociocultural ou musealización, así como experiencia e vinculación da entidade beneficiaria na organización e participación en actividades relacionadas co patrimonio marítimo fluvial.
    • Anexo fotográfico ou, de non ser posible, bosquexo explicativo que reflicta o estado actual do ben e, en concreto, da parte ou dos elementos que se pretenden rehabilitar ou mellorar.
  • Orzamento de ingresos e gastos detallado e totalizado (coas cantidades, os prezos unitarios e o IVE) do investimento que se vai realizar, asinado pola persoa representante.
  • Acreditación do cargo da persoa representante legal da entidade.
  • Copia dos estatutos que rexen a entidade, que deberán incluír, entre os seus obxectivos, a recuperación e mantemento ou posta en valor do patrimonio marítimo fluvial da provincia.
  • Acreditación da titularidade do ben obxecto de rehabilitación ou mellora. A entidade deberá ser titular do ben ou instalación obxecto de rehabilitación ou mellora, ben porque sexa propietaria, ben porque dispoña dun dereito de uso ou cesión.
  • Compromiso de non transferir a propiedade do ben ou o dereito de uso ou cesión nun prazo de cinco anos desde o momento da concesión, no caso de resultar beneficiarias destas axudas, así como a destinalo ao fin concreto para o que se concede a subvención.
  • Calquera outra documentación acreditativa das circunstancias que poidan ser tidas en conta na fase de valoración.

Será responsabilidade da entidade beneficiaria a obtención das correspondentes licenzas, autorizacións ou permisos para a execución dos traballos obxecto da axuda, no seu caso.

As entidades interesadas poderán presentar unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Bases (ligazón ás bases)

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
  • Ordenanza reguladora de subvencións da Deputación Provincial de Pontevedra