SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2346744 Solicitude de participación no Concurso Reacción polo Clima

Cada 24 de outubro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional contra o Cambio Climático, unha festividade instaurada pola Organización das Nacións Unidas para paliar os devastadores efectos que se están producindo nos últimos anos en todo o planeta.

O cambio climático é o maior desafío do noso tempo e agora atopámonos nun momento decisivo. Desde pautas meteorolóxicas cambiantes, que ameazan a produción de alimentos, ata o aumento do nivel do mar, que incrementa o risco de inundacións catastróficas, os efectos do cambio climático son de alcance mundial e dunha escala sen precedentes. Se non se toman medidas drásticas desde hoxe será máis difícil e custoso adaptarse a estes efectos no futuro.

As organizacións dirixidas por persoas novas necesitan fomentarse e empoderarse a participar na posta en práctica de políticas públicas de maneira local, rexional e nacional da Axenda 2030. A mocidade xoga un papel significativo na implementación, vixilancia e revisión da Axenda, así como en responsabilizar os gobernos. Con compromiso político e recursos adecuados as e os mozos teñen o potencial de facer máis efectiva a transformación do mundo nun lugar mellor para todas as persoas.

Neste contexto, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, pon en marcha a segunda edición do concurso Reacción polo Clima, que ten por finalidade promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais nas que se denuncie a situación do planeta e se propoñan actuacións para combater a contaminación, entre outros aspectos, e, deste xeito, potenciar o talento da mocidade e mostrar as súas reivindicacións neste ámbito.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cohesión Social e Xuventude

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 16 de marzo de 2021 ao 18 de maio de 2021

Poderán optar a estes premios as persoas físicas e xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

Persoas físicas

  • Ter unha idade comprendida entre os 16 e os 30 anos na data de presentación da solicitude
  • Estar empadroadas en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra

Persoas xurídicas

  • Ser entidades sen ánimo de lucro que teñan a súa sede social na provincia de Pontevedra
  • Ser polo menos o 50 % dos membros da súa xunta directiva persoas físicas con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos

As persoas interesadas deberán achegar a solicitude de iniciación dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Nesta solicitude as persoas interesadas deberán indicar a URL de acceso de descarga dos contidos do proxecto que opte aos premios.

As persoas interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Para a presentación das solicitudes a través do rexistro electrónico a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal), e os certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Opcionalmente (no caso de persoas físicas), as solicitudes poderán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra que, unha vez cuberto, xerará a solicitude en formato PDF, que se deberá imprimir e asinar para a súa presentación presencial.

Admitirase só unha solicitude por cada persoa física ou xurídica participante.

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
  • Ordenanza reguladora de subvencións da Deputación Provincial de Pontevedra
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local