SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2329288 Solicitude de participación no concurso de ideas para a campaña de promoción dos viveiros de empresas da Deputación de Pontevedra

Os viveiros de empresas son estruturas de acollida temporal de empresas pensadas para encamiñalas nos seus primeiros pasos no mercado, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial co fin de contribuír á dinamización do tecido produtivo do territorio provincial, ao fomento do emprego e do autoemprego e ao fornecemento das industrias locais, entre outros obxectivos.

A Deputación de Pontevedra xestiona os viveiros de empresas de Barro e Lalín, propiciando a posta en marcha de novos proxectos empresariais, por un lado, e polo outro ofertando diversas actividades de formación e divulgación encamiñadas a darlles visibilidade a oportunidades de negocio existentes no territorio que atendan a criterios de desenvolvemento local, rural e sostible da comunidade.

Mediante a R. p. do 23 de xuño de 2020, núm. 2020001224, aprobouse o Convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Fundación Roberto Rivas para a promoción de iniciativas emprendedoras en contornos rurais da provincia de Pontevedra coma a comarca de Deza, cuxo obxecto é definir a colaboración entre ambas as institucións na posta en marcha de actuacións de fomento do emprendemento de interese provincial e, de maneira máis específica, na comarca do Deza para o ano 2020.

O acordo de colaboración recolle explícitamente a participación conxunta para a posta en marcha e implementación das seguintes accións:  

1.    Concurso de ideas para a campaña de promoción.

2.    Programa de apoio a ideas emprendedoras.

A través deste procedemento dáse acceso ao Concurso de ideas para a campaña de promoción dos viveiros de empresas da Deputación de Pontevedra para o ano 2020.

O contido do concurso de ideas para a campaña, en medios de comunicación en liña, estará formado pola promoción dos viveiros de empresas da Deputación de Pontevedra (con especial foco no viveiro de empresas de Lalín polo seu menor índice de demanda e ocupabilidade) tratando aspectos coma que son estes viveiros, a quen se dirixen, que servizos ofrecen e cales son as súas condicións de acceso e uso.

Prazo de resolución: 10 días dende a finalización do prazo de presentación das propostas.

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cooperación

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 30 de setembro de 2020 ao 28 de outubro de 2020

Poderá presentarse alumnado e antigo alumnado (que rematase os estudos en 2018 ou posteriormente), maior de idade, de ciclos formativos de Comunicación, Imaxe e Son, Artes Gráficas e Comercio e Márketing e estudantado e antigo estudantado (que rematase os estudos en 2018 ou posteriormente), maior de idade, de Belas Artes, Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas. Poderán facelo tanto de xeito individual coma en equipo (ata un máximo de 4 compoñentes). Todos os membros do equipo deben cumprir o requisito sinalado.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (formulario normalizado) a seguinte documentación:

  • Xustificación de que cumpren os requisitos para participar (punto segundo destas bases), copia de matrícula en curso, copia da titulación obtida...
  • Presentación da idea: liña creativa que se propón e bosquexos da adaptación da creatividade aos soportes propostos
  • Valoración estimativa do custe total da produción da idea e o seu desglose por partida.
  • Co fin de que a idea coa que se concorra quede claramente definida, esta solicitude poderá acompañarse de debuxos, maquetas, textos... e en xeral calquera medio polo que queden suficientemente definidas as principais características da campaña proposta.

Cada persoa ou equipo solicitante poderá presentar un único proxecto. A presentación das propostas realizarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Para a presentación das solicitudes a través do rexistro electrónico a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal), e os certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra que, unha vez cuberto, xerará a solicitude en formato PDF, que deberá imprimirse e asinarse para a súa presentación presencial.

Bases (ligazón ás bases)

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
  • Ordenanza reguladora de subvencións da Deputación Provincial de Pontevedra
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local