SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2263233 Premios Demo Day. Proxecto DepoEmprende na FP

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Promoción do Emprego e Desenvolvemento Local, pon en marcha o programa “DepoEmprende” 2019-2020 segundo a convocatoria publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) 103, no 31 de maio de 2019.

O proxecto “DepoEmprende na FP” diríxese aos centros educativos que imparten formación profesional de grao medio e grao superior. A finalidade é promover no alumnado a iniciativa emprendedora, tanto no ámbito empresarial coma no autoemprego, así como a actitude necesaria para asumir riscos e responsabilidades. A metodoloxía proposta baséase en que un grupo de alumnas e alumnos estude e elabore un proxecto empresarial dun sector que estea relacionado coa familia profesional do ciclo formativo que curse. O reto supón que, ademais de ter que elaborar un proxecto empresarial, saiban xestionalo e adaptarse a diferentes situacións laborais orixinadas por cambios tecnolóxicos e organizativos nos procesos produtivos, ademais de participar de forma activa na vida económica, social e cultural do seu contorno, con actitude crítica e responsable.

Con este fin, e replicando a actividade realizada en convocatorias pasadas, convócase unha nova edición dos Premios Demo Day, cuxo obxectivo é promover o lanzamento de proxectos emprendedores impulsados polo estudantado de formación profesional, a través dun proceso participativo, competitivo e secuencial que permita identificar e apoiar proxectos con potencial desenvolvemento.

Prazo de resolución: 1 mes

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Promoción do Emprego e Desenvolvemento Local

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 21 de febreiro de 2020 ata o 28 de febreiro de 2020

Esta convocatoria diríxese aos centros da provincia de Pontevedra de educación primaria, educación especial, educación secundaria obrigatoria e formación profesional que están sostidos con fondos públicos e dependen da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para participar nos diferentes proxectos que acolle o programa: “DepoEmprende na escola”, “DepoEmprende na ESO” e “DepoEmprende na FP” (convocatoria 2019-2020).

Xunto coa solicitude, deberase presentar para cada proxecto a seguinte documentación:

  • Proxecto empresarial completo en formato PDF
  • Ficha resumo do proxecto (Anexo I)

Os centros educativos participantes no proxecto “DepoEmprende na FP” 2019-2020 deberán inscribirse para participar nos Premios Demo Day obrigatoriamente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal), de acordo co establecido nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Para a presentación de solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistema de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Admitirase só unha solicitude por cada centro educativo participante na modalidade do proxecto “DepoEmprende na FP”.

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local