SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2249896 Plan Concellos 2021 - Solicitude de subvención liña 3 - Emprego para conservación e o funcionamento de bens e servizos municipais

Procedemento en prazo de presentación.

Procedemento de concesión, execución e xustificación das subvencións que se concedan con cargo a este plan de carácter anual. As finalidades subvencionables serán as que se sinalan nas bases do plan e terán que ser de competencia municipal. A tal efecto, non se admitiran solicitudes de subvencións para finalidades que, no marco da actual distribución de competencias, sexan atribución doutras administracións publicas ou que non estean delegadas no Concello.

Os concellos poderán libremente determinar a elección dos investimentos e actuacións subvencionables que desexen realizar pero se algún proxecto ou proposta de actuación non se axustase ao seu obxecto, a Deputación poderá rexeitar este proxecto. Nese caso, o Concello poderá presentar unha nova proposta.

O Concello poderá destinar a cantidade asignada ao abeiro do presente plan ao financiamento das achegas municipais para investimentos doutros plans, programas ou convenios desta Deputación ou doutras Administracións Públicas cando se trate de obras ou subministracións de competencia municipal.

A través deste procedemento as axudas e subvencións deste Plan poderán destinarse á Liña 3 para á contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos de competencia municipal e de interese social.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cooperación

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 5 de xaneiro de 2021 ata ao 6 de abril de 2021.

Poderán solicitar as axudas reguladas nestas bases os concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación de dereito de ata 50.000 habitantes, segundo os datos expedidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) referidos ao censo do exercicio 2019. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles concellos nos que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións ás que fai referencia a lexislación vixente en materia de subvencións.

O concello interesado, ademais do formulario de solicitude, presentará a seguinte documentación correspondente coa liña 3, Conservación e funcionamento de bens e servizos municipais:

— Memoria global das actuacións que se van desenvolver na que se indiquen o perfil (categoría profesional) e o número das persoas desempregadas que se van contratar, a duración dos contratos, a desagregación do orzamento por persoa traballadora e o importe da subvención por cada unha

— Certificado expedido pola persoa funcionaria pública competente de acordo co anexo VI no que se faga constar

1. O acordo do órgano competente do Concello da aprobación da solicitude de subvención coa indicación da súa denominación e de que se cumpre coas condicións establecidas nas bases reguladoras, en concreto, que a dita solicitude responde a necesidades de persoal urxentes e inaprazables en sectores, funcións e categorías profesionais indispensables para satisfacer as necesidades básicas da veciñanza ou para asegurar o funcionamento regular da entidade e dos seus órganos de goberno

2. A aprobación da memoria descritiva na que se determine o número das persoas desempregadas que se van contratar e o seu perfil (categoría profesional)

3. A colaboración no financiamento da actuación proposta cos fondos económicos necesarios de haber cofinanciamento por parte da entidade municipal; o órgano que adopta a resolución ou o acordo será o competente para comprometer a dita achega municipal

Os certificados serán asinados polo Secretario ou pola Secretaria Xeral do Concello e pola persoa que teña atribuída a representación legal ou delegada a competencia.

As declaracións, compromisos e outros documentos serán asinados pola alcaldesa ou polo alcalde ou pola persoa en quen esta ou este deleguen. En determinados documentos (acta de trazado previo, proxecto...) seralle de aplicación a normativa específica que os regula.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal, de acordo co procedemento electrónico establecido para o efecto.

Se algún concello presenta a súa solicitude de forma presencial requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na se realice a emenda.

Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistema de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Outra normativa de referencia:

  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local