SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de PontevedraSede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2214863 Subvencións destinadas aos concellos adheridos ao Plan Revitaliza para o nomeamento interino de mestras e mestres composteiros municipais

A compostaxe foi desde un primeiro momento unha aposta do novo equipo de Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra, elixido tras as eleccións de maio de 2015, para facilitarlles aos concellos da provincia unha xestión do lixo máis económica e ecolóxica.

O obxectivo desta subvención é financiar de maneira transitoria e gradual, ata que os concellos adheridos ao plan Revitaliza asuman completamente ese financiamento, o custo salarial establecido, incluída a cotización á Seguridade Social, derivado do nomeamento interino por programa das persoas necesarias para o seguimento e execución do novo sistema de tratamento de residuos orgánicos baseado na compostaxe (mestras e mestres composteiros) nos concellos que poidan ser beneficiarios desta liña de axudas, durante o período 2020-2022.

Así, os concellos que soliciten estas axudas recibirán un número máximo de traballadoras ou traballadores, que se determinará en función da poboación, do número de UMC e CCC en funcionamento no municipio e das necesidades determinadas polo grao de implantación do plan, para intentar cubrir deste xeito as necesidades reais de persoal para levar a cabo esta actuación. Estas previsións iniciais poderán ser revisadas no caso de concorrer circunstancias relevantes que así o requiran, tales como a instalación de novos CCC ou outras que determine o persoal técnico provincial a solicitude dos concellos beneficiarios.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Asistencia Intermunicipal

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 13 de novembro de 2019 ao 13 de xaneiro de 2020

Concellos da provincia de Pontevedra adheridos ao Plan Revitaliza para o nomeamento interino de mestras e mestres composteiros municipais.

As entidades solicitantes deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación, segundo corresponda:

a) Solicitude da alcaldesa ou do alcalde, xunto co acordo de aprobación desta por parte do órgano municipal competente do concello

b) Certificación do acordo de adhesión do concello ao plan Revitaliza

c) Certificado expedido pola funcionaria ou funcionario público competente no que se faga constar o seguinte:

• Se o concello obtivo ou solicitou calquera outra axuda ou subvención relacionada co obxecto desta convocatoria

• Que o concello non incorre en causas de prohibición para a percepción de axudas públicas

d) Memoria descritiva das funcións que se lle pretenden encomendar ao persoal subvencionado

e) Proxecto de actuación en materia de residuos e memoria na que se indique a experiencia acumulada na implantación da compostaxe no municipio segundo o establecido na base cuarta desta convocatoria. Neste proxecto deberase indicar, como mínimo, a seguinte información:

1. Con respecto á experiencia acumulada na implantación da compostaxe no concello:

— Número de CCC instalados no concello e a súa situación, así como o número de UMC dos que consta cada un e tempo aproximado de traballo ata o momento. Grao de participación cidadá (número de persoas inscritas e estimación das non inscritas que achegan residuos aos CCC). Niveis de residuos tratados en cada centro e de compost producido. Protocolo de provisión do estruturante preciso para os procesos de compostaxe

— Número de COIN repartidos entre a veciñanza do concello. Deberase indicar o número de COIN distribuídos e as datas de instalación, así como os datos de seguimento do seu funcionamento no caso de que se fixese

— No caso de que se realizasen outras accións específicas para o fomento da separación en orixe da fracción orgánica deberase incluír unha explicación do desenvolvemento destas accións concretas e os resultados obtidos. Este tipo de accións poden comprender campañas de recollida especiais en eventos organizados polo concello, campañas de información relacionadas coa prevención, reciclaxe, talleres formativos e outras similares

— Convenios asinados por parte do concello con organismos que promovan a recollida selectiva do resto das fraccións (vidro, envases, papel e cartón, téxtil etc.) e que faciliten a separación en orixe da FORM e o seu tratamento a través da compostaxe

— Protocolo de recollida e reciclaxe dos restos de poda xerados polo concello

— Calquera outra información relevante relacionada coa experiencia do concello en materia de compostaxe

2. Con respecto ao proxecto de actuación en materia de residuos:

Os concellos solicitantes deberán presentar un plan de acción en materia de residuos no período 2020-2022, no que se incorporarán como mínimo:

— Análise da poboación do concello no que se considere o nivel de dispersión, a ruralidade e a súa densidade

— Análise do ámbito xeográfico do concello no que se indique se pretende implantar o sistema baseado na compostaxe na totalidade do termo municipal ou soamente en zonas concretas

— Datos mensuais de produción de residuos nos derradeiros anos (polo menos desde o 2008) que contemplen como mínimo os seguintes:

a- Fracción resto, habitualmente no colector verde

b- Fracción envases e embalaxes (EE), habitualmente no colector amarelo

c-Fracción papel/cartón (P/C), habitualmente no colector azul

d- Fracción vidro (V), habitualmente no colector verde

e- Outros, segundo a dispoñibilidade de datos

— Obxectivos que se pretenden acadar co novo sistema formulado

— Relación de actividades que se pretenden levar a cabo no concello para acadar os obxectivos propostos

— Xustificación da necesidade do número de empregadas e empregados solicitados

f) Compromiso asinado pola alcaldía de manter durante o período de vixencia da subvención o posto das persoas incorporadas, sempre que non finalice o plan de compostaxe municipal ao que están vinculados os postos subvencionados ou salvo que concorran causas excepcionais, previa autorización da Deputación de Pontevedra

g) Declaración ou compromiso de cofinanciar calquera concepto non subvencionable ou o importe que se lles teña que aboar ás ou aos traballadores que exceda do da subvención

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal, xunto coa documentación á que se fai referencia na cláusula décimo segunda.

Se algunha das persoas interesadas entrega a súa solicitude de xeito presencial requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda.

Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal), e os certificados electrónicos (incluído o DNI-e).

Bases: https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2019/11/12/2019054382

Outra normativa:

  • Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia
  • Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local