Poderán solicitar estas subvencións as entidades xurídicas, colectivos ou particulares que reúnan os seguintes requisitos:
Carecer de fins de lucro
Ter domicilio social no ámbito territorial da provincia de Pontevedra ou excepcionalmente fóra deste sempre que traten sobre temas de interese para a provincia
Non incorrer en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co especificado no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS)
Estar ao corrente coas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa Xunta de Galicia e non ter débedas pendentes de pagamento coa Deputación
Non ter obrigas nin xustificacións pendentes derivadas de subvencións concedidas pola Deputación
Documentación requirida
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Acreditación de representación no caso de actuar por medio dunha ou dun representante.
Orzamento asinado de gastos e ingresos desagregado e totalizado (que inclúa as cantidades, os prezos unitarios e o IVE individualizado).
Memoria explicativa do proxecto obxecto da subvención na que a persoa solicitante detalle, de forma clara e veraz, o cumprimento dos criterios establecidos na base décimo terceira da convocatoria, para que estes poidan ser valorados pola comisión de valoración. A citada memoria, cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, deberá ir asinada e acompañada dunha copia definitiva da publicación orixinal en lingua galega, premaquetada en formato papel ou audiovisual, xunto con fotografías e ilustracións. No caso das videogravacións deberá incluír unha sinopse ou guión e un storyboard ou dossier gráfico secuencial. A memoria explicativa deberá indicar, así mesmo, a modalidade e o xénero que se vai publicar, o público obxectivo potencial ao que vai dirixido e as intencións de promoción e difusión para valorar o impacto da publicación subvencionada na provincia, así como os medios técnicos para a súa elaboración e distribución.
Copias dos estatutos, no caso de que as persoas solicitantes teñan a consideración de persoa xurídica.
Como facelo
As persoas interesadas poderán presentar unha única solicitude a esta convocatoria, na que deberán indicar a modalidade concreta e a categoría na que participan.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, (https://sede.depo.gal).
Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).
As persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, que, unha vez cuberto, xerará a solicitude en PDF, que deberá ser impresa e asinada para a súa presentación presencial.