SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2084094 Subvencións para a concesión de axudas para a organización de actividades deportivas da provincia de Pontevedra

Descrición

A Deputación, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas disciplinas e coñecedora das carencias ás que se enfronta, establece as bases reguladoras de concesión de axudas e subvencións públicas destinadas a promover, fomentar e impulsar as actividades deportivas segundo os principios de obxectividade, concorrencia competitiva, publicidade e transparencia.

A finalidade destas axudas é a promoción deportiva para o ano 2020, de maneira que contribúan á dinamización da provincia no ámbito deportivo.

A programación de actividades deportivas durante o ano 2020, vai dirixido ao financiamento de campionatos e eventos deportivos que levarán a cabo os clubs ou entidades deportivas desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2020, poñendo de relevancia o papel do deporte como impulsor do desenvolvemento social, indicador da calidade de vida, e como dinamizador do emprego e do crecemento sustentable do territorio e da súa sociedade.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Deportes

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 10 de xullo de 2020 ata o 6 de agosto de 2020

Poderán participar nesta convocatoria as entidades deportivas sen ánimo de lucro con domicilio social na provincia de Pontevedra e as federacións deportivas galegas.

  • Todas as entidades deportivas deben estar inscritas no Rexistro de entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte.
  • Todos os campionatos ou eventos deportivos deben desenvolverse no ámbito territorial da provincia de Pontevedra.
  • Non poderán beneficiarse as persoas ou entidades nas que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG). A acreditación de non estar incursas nas devanditas prohibicións realizarase mediante a declaración responsable das entidades solicitantes; no caso das agrupacións deberase presentar a declaración por cada unha das persoas ou entidades agrupadas.
  • Todas as persoas solicitantes deberán estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda galega, coa Seguridade Social e coa Deputación, así como non ter obrigas ou incumprimentos pendentes, de calquera tipo e non só económicos, coa Deputación.
  • Non poderán beneficiarse destas subvencións as entidades que teñan pendentes de xustificar axudas concedidas no exercicio anterior no mesmo programa.

As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Memoria explicativa do proxecto deportivo do campionato, copa ou evento deportivo no que se inclúa unha definición exacta do proxecto ou actuación que se vai realizar; obrigatoriamente deberá conter a xustificación dos aspectos puntuables en relación con cada un dos criterios de valoración, así como, no seu caso, a documentación acreditativa correspondente
  • Memoria económico-financeira que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables e a previsión de ingresos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

No caso de presentar a solicitude de forma presencial requirirase a súa emenda mediante a presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizou a emenda.

Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local