SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2084094 Subvencións para a organización de campionatos, eventos e actividades deportivas da provincia de pontevedra

Procedemento de concesión de axudas económicas en réxime de concorrencia competitiva para colaborar nos diferentes gastos para a organización de campionatos, eventos ou actividades deportivas para o ano 2021, co obxectivo principal de lograr unha programación deportiva para a promoción e o fomento da actividade física e o deporte na provincia de Pontevedra durante o ano 2021.

Para os efectos destas bases os campionatos, eventos ou actividades deportivas que teñan lugar na provincia de Pontevedra clasificaranse:

— Polo seu carácter: en competicións oficiais e non oficiais

— Polo seu ámbito territorial: en competicións locais, provinciais, interprovinciais, autonómicas, estatais e internacionais

— Pola súa organización: en competicións federadas e non federadas

As subvencións obxecto destas bases divídense en 2 liñas, en atención aos campionatos, eventos ou actividades propostas.

Liña 1

Axudas para a realización de competicións deportivas oficiais, de ámbito estatal ou internacional federadas, coa denominación de campionato ou copa de España, de Europa ou do Mundo.

Excepcionalmente, poderán ser valoradas competicións deportivas oficiais, de ámbito estatal ou internacional federadas que, estean incluídas nos calendarios oficiais nacionais ou internacionais e consideradas como probas de alto nivel pola federación correspondente. Estas terán que ser recoñecidas polo órgano instrutor proposto para esta convocatoria, unha vez analizada a competición coa federación correspondente.

Liña 2

Axudas para a realización de competicións oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, federadas ou non federadas, non presentadas na liña 1.

Só se poderá presentar unha solicitude por entidade, excepto no caso das federacións deportivas que poderán presentar ata dúas solicitudes, sempre que estas sexan campionatos ou copas oficias de España, Europa ou do mundo.

As actividades, eventos e campionatos deberán desenvolverse no ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

Non serán obxecto de subvención as actividades que estean subvencionadas noutras convocatorias deste organismo provincial.

Os campionatos, copas ou eventos deportivos deben desenvolverse obrigatoriamente desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2021.

Non serán obxecto de subvención as propostas que non supoñan a realización de prácticas deportivas nin tampouco os campus deportivos ou multideportivos.

Segundo o acordo plenario número 15.6896, de 28 de decembro de 2016, a Deputación de Pontevedra non colaborará, patrocinará nin apoiará a realización de campionatos de tiro ao pombiño por consideralos actos de crueldade contra os animais.

Así mesmo, non será obxecto de subvención ningunha actividade que poida implicar calquera tipo de malos tratos aos animais.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Deportes

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 30 de marzo de 2021 ata o 28 de abril de 2021

Poderán participar nesta convocatoria as entidades deportivas sen ánimo de lucro con domicilio fiscal na provincia de Pontevedra e as federacións deportivas galegas.

  • Todas as entidades deportivas deben estar inscritas no Rexistro de entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte.
  • Non poderán beneficiarse as persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG). A acreditación de non estar incursas nas devanditas prohibicións realizarase mediante a declaración responsable das entidades solicitantes; no caso das agrupacións deberá presentarse a declaración por cada unha das persoas ou entidades agrupadas.
  • Todas as persoas solicitantes deberán estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda galega, coa Seguridade Social e coa Deputación, e non ter obrigas ou incumprimentos pendentes, de calquera tipo e non só económicos, coa Deputación.
  • Non poderán beneficiarse destas subvencións as entidades que teñan pendentes de xustificar axudas concedidas no exercicio anterior no mesmo programa.

As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Proxecto deportivo do campionato, evento ou actividade deportiva no que se inclúa unha definición exacta e clara do proxecto ou actuación que se vai realizar
  • Cartel do campionato, evento ou actividade deportiva

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

En caso de presentar a solicitude de forma presencial requirirase a súa corrección mediante a presentación electrónica. Para este efecto considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Só se poderá presentar unha solicitude por entidade, excepto no caso das federacións deportivas que poderán presentar ata dúas solicitudes, sempre que estas sexan campionatos ou copas oficias de España, Europa ou do mundo.

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local