Amplíanse os prazos de presentación de solicitudes dos procedementos de "O teu primeiro emprego" tanto en ONGs como en corporacións sectoriais ata o 15 de Abril do 2021 por unha incidencia no servizo de cl@ve.
Poderán ser entidades colaboradoras das axudas ou subvencións previstas neste programa as pequenas e medianas empresas e as microempresas en calquera das modalidades xurídicas existentes, atendendo á definición establecida pola Comisión Europea (Recomendación 2003/361/CE, de 6 de maio), o empresariado individual e as e os profesionais, as comunidades de bens e as corporacións sectoriais que dispoñan da capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos e que non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 12 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).
Para que se lles concedan as subvencións as entidades colaboradoras deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Ter o seu domicilio fiscal en calquera concello da provincia de Pontevedra
2. Estar legalmente constituídas e ter iniciada a súa actividade
3. A actividade da entidade, definida nos seus estatutos, ten que estar relacionada co perfil profesional da persoa contratada
4. Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra
5. Non estar nin ter estado incursas nun expediente de despido improcedente de ningunha persoa traballadora da entidade correspondente, que ocupase un posto similar ao que se solicita nos tres meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, nin en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).
Para a consideración como pequenas e medianas empresas e como microempresas atenderase á definición establecida pola Comisión Europea (Recomendación 2003/361/CE, de 6 de maio), que considera:
— A categoría de microempresas, pequenas e medianas empresas (PEME), está constituída polas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e contan cun volume de negocios anual que non excede dos 50 millóns de euros ou conta cun balance xeral anual que non excede dos 43 millóns de euros
— Na categoría das pemes, a pequena empresa é a que ocupa a menos de 50 persoas e cun volume de negocios anual ou cun balance xeral anual que non supera os 10 millóns de euros
— Na categoría das pemes, a microempresa defínese como unha empresa que ocupa a menos de 10 persoas e ten un volume de negocios anual ou un balance xeral anual que non supera os 2 millóns de euros
Estas entidades colaboradoras determinarán na memoria-proxecto de actuación os perfís dos postos de traballo que desempeñarán, segundo a titulación requirida e a actividade que desenvolvan no centro de destino, de conformidade coa codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións (CNO) (https://www.ine.es/daco/daco42/clasificaciones/cno11_estructura.xls)
O aproveitamento do rendemento do traballo das persoas tituladas que se contraten constitúe, para as entidades colaboradoras, a compensación pola colaboración coa Deputación na consecución dos obxectivos deste programa.
1. As entidades solicitantes deberán completar na súa solicitude todos os datos necesarios para a tramitación do procedemento.
2. Xunto co formulario de solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Acreditación do cargo e representación: se a persoa que asina a solicitude é representante da entidade colaboradora, a súa representación verificarase coa sinatura electrónica, nota simple e/ou escrituras da sociedade. Se a persoa que asina a solicitude non é representante da entidade, será necesario enviar cuberto e asinado o anexo I, no cal a persoa representante da entidade colaboradora autoriza a entidade solicitante a presentar a solicitude. No caso de haber socias ou socios mancomunados, será necesario tamén achegar o anexo I, no que estas ou estes socios mancomunados autoricen a presentar a solicitude (tantos anexos coma socias ou socios mancomunados teñan que autorizalo)
b) Nota simple do Rexistro mercantil: para as entidades obrigadas a inscribirse no Rexistro mercantil, nota simple informativa actualizada na data de presentación de solicitudes cos seguintes datos: denominación social, domicilio social, obxecto social e órganos de administración da entidade
c) Escrituras da sociedade: no caso de comunidades de bens e sociedades civís
d) Anexo II: Comprobación de datos da persoa titora
3. Documentación opcional para a valoración (memoria técnica) que inclúa:
• Certificación das funcións que realiza a persoa titora
• Relación do cadro de persoal asinado pola persoa con capacidade legal na empresa
• Cadro de persoal asinado pola persoa con capacidade legal na empresa
• Relación numerada de todas as accións ou medidas contempladas en cada un dos apartados do criterio de avaliación número 5 da base 12 da convocatoria
• Relación xurada das accións formativas que se lle ofrecerán á persoa contratada
4. A documentación complementaria presentarase obrigatoriamente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a mostra do documento orixinal para cotexar coa copia electrónica presentada.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos.
Se se anexa unha memoria técnica, esta non poderá superar as 10 páxinas. O tipo de letra utilizado será Arial 12, agás para os títulos, que será Arial 14 e Arial 16. Utilizarase un interliñado a 1,15 e o espazo entre parágrafos será de 6 puntos.
6. Non será necesario achegar os documentos que xa se presentaron anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar na solicitude en que momento e ante que órgano administrativo os presentou.
Nos supostos de imposibilidade material para obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
7. Se tras o exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requiriráselle á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), terase por desistida a súa petición, previa á correspondente resolución que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 42 desta lei.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra https://sede.depo.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.
Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNI-e).
Outra normativa de referencia:
Esta páxina web utiliza cookies para mellorar a súa experiencia de navegación. Máis información sobre como usamos as cookies e de que maneira pode cambiar a súa configuración.