SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de PontevedraSede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2083101 Solicitude de praza no centro de día do Centro Príncipe Felipe

Ao abeiro do disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG 18/12/2008), e mais no Decreto 329/2005, de 28 xullo, (DOG 16/8/2005) polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, a Deputación de Pontevedra conta no Centro Príncipe Felipe (CPF) cun centro de día. Este servizo de acollemento residencial diúrno procura preservar e potenciar a integración familiar natural como primeiro e principal recurso de protección, ademais de garantir as necesidades básicas, e establece como obxectivos:

  • Favorecer os procesos de integración tanto a nivel individual como grupal.
  • Promover nas menores e nos menores o cambio de actitudes e condutas para interiorizar hábitos que permitan a súa eficaz incorporación social.
  • Asesorar e orientar a menores e familias que o soliciten sobre problemas ou necesidades concretas.
  • Proporcionar estratexias e recursos persoais para o afrontamento de situacións problemáticas e/ou de risco social orixinadas en diversos factores.
  • Garantir para as persoas menores unhas axeitadas condicións de saúde, hixiene e nutrición.
  • Contribuír a evitar o absentismo escolar, colaborar coas familias na capacidade de protección e de educación.
  • Contribuír á capacitación das persoas menores para a elección libre e progresiva entre diversas opcións que a vida actual ofrece.
  • Facilitar a apertura das e dos menores cara aos demais e contribuír a unha relación positiva coa súa contorna, así como garantir o cumprimento dos obxectivos marcados polos diferentes centros residenciais.

Este procedemento regula o proceso de admisión no réxime de atención de día nos centros de acollemento de Príncipe Felipe para o curso 2019-2020.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Centro Príncipe Felipe

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 16 de marzo de 2019 ata o 15 de abril de 2019

Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicataria ou adxudicatario da praza:

  1. Que a persoa menor para a que se solicita praza estea empadroada nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra.
  2. Que a persoa menor para a que se solicita praza proceda de familias que, debido a dificultades específicas de carácter económico-social, necesiten dun apoio diario e puntual para completar a formación e a atención das súas fillas e fillos.
  3. Que a persoa menor para a que se solicita praza cumpra as seguintes condicións de idade:
    • Ter como mínimo 4 meses no momento do ingreso
    • Ser menor de 16 anos no momento do ingreso
  4. O límite máximo de idade establecido no punto anterior poderá flexibilizarse, ampliándoo ata os 18 anos, nos casos de renovación, para os efectos de remate de estudos iniciados ou de formación laboral, sempre que a valoración efectuada polo equipo da unidade onde residiu a persoa menor con anterioridade sexa positiva. Esta flexibilización da idade máxima de admisión terá sempre carácter excepcional, unicamente lles afectará ás persoas que xa ocuparon unha praza na anterior convocatoria e estará condicionada á valoración positiva por parte do equipo de atención.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo corresponda:

OBRIGATORIA PARA TODAS AS SOLICITUDES

  • Modelo de solicitude
  • Relación das persoas integrantes da unidade familiar e comprobación de datos (Anexo II)
  • Copia cotexada do libro de familia
  • Copia da certificación de retencións e ingresos a conta correspondentes o ano 2018 emitido pola Administración Tributaria, para os efectos da valoración da solicitude segundo o previsto na base duodécima, onde se determina se a atención é de carácter básico ou integral
  • Certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, no caso de que sexa de aplicación

OUTRA DOCUMENTACIÓN COMPLENTARIA SEGUNDO O CASO

  • Acreditación de familia monoparental
  • Certificado acreditativo de discapacidade
  • Certificado médico no caso de enfermidades crónicas ou outras afeccións da unidade familiar ou, de ser o caso, informe dos servizos sociais acreditativo de dependencias
  • Informe da unidade de saúde mental sobre o/a menor
  • Xustificacións de pensións (xubilación, invalidez, viuvez, non contributivas, etc.)
  • Xustificación de prestacións sociais (RISGA, integración familiar, subsidios, axuda de emerxencia social, prestación por filla/o a cargo, axudas a inmigrantes retornados, etc.)
  • Informe dos servicios sociais do Concellos correspondente

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal, que unha vez cuberto xerará a solicitude en PDF que deberá ser gardada para a súa presentación electrónica na sede electrónica.

Para a presentación das solicitudes, a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluíndo o DNI-e).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra.

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
  • Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
  • Decreto 329/2005, de 28 xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia

Volver