Poderán solicitar estas subvencións as asociacións que reúnan os seguintes requisitos:
• Carecer de fins de lucro
• Desenvolver a actividade principal no ámbito territorial da provincia de Pontevedra
• Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas
• Non estar incursas nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei
• Estar ao corrente coas obrigas tributarias coa Seguridade Social, coa Facenda estatal, coa autonómica e coa Deputación de Pontevedra
Cada entidade pode presentar unha única solicitude para optar a esta convocatoria, na que se indicará a actividade concreta que se vai realizar, achegando a seguinte documentación:
a) Memoria completa e detallada do proxecto para o que se solicita a subvención asinada pola persoa representante e que achegue os datos solicitados para este, que se axustarán aos criterios de valoración especificados na letra b) da base décima.
No caso de acreditar a presenza de máis de 15 compoñentes galegos, fotocopias cotexadas dos seus DNI ou certificados de empadroamento.
b) Memoria completa e detallada da última edición do festival asinada pola persoa representante na que se detallen a súa antigüidade e as especificacións axustadas aos criterios de valoración que aparecen na letra a) da base décima. Con esta memoria achegarase unha declaración responsable sobre a veracidade da información, que a Deputación de Pontevedra poderá comprobar en calquera momento.
Dada excepcionalidade xerada pola COVID-19 na organización e posta en marcha dos festivais musicais e de artes escénicas da provincia, poderanse achegar as memorias dos festivais das edicións dos anos 2019 ou 2020, segundo mellor o consideren
c) Dossier de prensa da última edición do festival.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal)de acordo co establecido nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.
Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).