360960 Subvencións a concellos da provincia de pontevedra de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero
Poderán concorrer a esta convocatoria os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes.
Para poder acceder ás subvencións as entidades deberán cumprir as condicións e os requisitos establecidos nestas bases e na normativa xeral de subvencións na data na que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Deberán estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Axencia Tributaria de Galicia, coa Seguridade Social e co organismo provincial, e non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas nin incorrer en ningún dos casos de prohibición para percibir subvencións recollidos na lei.
Documentación requirida
Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Certificado do acordo ou resolución do órgano competente do Concello mediante o cal se aproba a solicitude de subvención e o compromiso de financiar o importe dos custos necesarios para completar o orzamento previsto para a realización da actividade
Certificado da Secretaría do Concello no que se indique a existencia ou inexistencia dun plan municipal de igualdade aprobado e en vigor ou da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero constituída e operativa, segundo o modelo normalizado (anexo II)
Proxecto explicativo e orzamento detallado das actuacións para as que se solicita a subvención asinados pola persoa representante do Concello
Como facelo
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) de acordo co establecido nos artigos 14.2 e 16 da LPACAP.
No caso de presentar a solicitude de forma presencial, requiriráselle á entidade solicitante que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.
Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).
Cada entidade poderá presentar unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria.