SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

1998024 Subvencións a clubs deportivos sen ánimo de lucro que participen en competicións de ámbito nacional

A través deste procedemento réxense as subvencións para o apoio a clubs deportivos federados que participen en categoría nacional na temporada 2019-2020 e, no caso dos clubs que participen en competicións de ano natural, da temporada 2020. Neste ámbito de actuación preténdese colaborar cos axentes sociais comprometidos co obxectivo de fomentar a cohesión do territorio e a igualdade de oportunidades en materia deportiva, con independencia das condicións persoais de cada cidadá ou cidadán e do lugar da provincia onde resida.

Esta convocatoria está destinada a apoiar a participación en ligas e competicións oficiais de ámbito nacional, convocadas por organismos ou federacións deportivas, dos clubs federados que cumpran os requisitos, segundo a modalidade deportiva, previstos no punto primeiro das bases reguladoras.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Deportes

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 1 de xuño de 2020 ata o 19 de xuño de 2020

Poderán optar a estas subvencións os clubs deportivos federados que compitan en categoría nacional e cumpran tamén os seguintes requisitos:

  • Carecer de fins de lucro
  • Estar ao corrente coas obrigas tributarias da Axencia Estatal Tributaria, da Facenda galega, coa Seguridade Social e da Deputación e non ter obrigas ou incumprimentos pendentes, de calquera tipo e non só económicos, coa Deputación
  • A modalidade practicada polos clubs deportivos federados debe ter implantación na provincia de Pontevedra
  • Estar inscritos no Rexistro de asociacións deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte
  • Non estar incursos en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas nin nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollida na le

Non poderán beneficiarse destas subvencións os clubs deportivos que teñan pendentes de xustificar subvencións concedidas no ano 2019 para o mesmo programa.

As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Certificación expedida pola federación correspondente na que se detallen os criterios de valoración específicos e previstos no cadro da base décimo primeira destas bases (excepto o orzamento), e na que se certifique que o club compite como mínimo cun equipo de categoría sénior en ámbito nacional obedecendo os requisitos da base primeira, segundo o modelo previsto no anexo II. Excepcionalmente, aqueles clubs de modalidades deportivas que se desenvolvan durante o ano natural deberán presentar o certificado da federación correspondente ao ano 2020. No caso de que non se poida presentar o mencionado certificado a persoa representante legal do club deberá achegar unha declaración xurada cos datos reflectidos na base décimo primeira desta convocatoria para competir no referido ano; no momento da xustificación deberá presentar inescusablemente o certificado da federación correspondente.
  • Na modalidade de ciclismo os clubs terán que presentar unha declaración na que certifiquen que van participar como mínimo en tres probas puntuables para a clasificación nacional dentro da comunidade autónoma e en tres probas fóra dela en calquera das categorías júnior, sub-23 ou elite. Esta participación terá que facerse con licenzas e equipos dados de alta como tales na federación galega ou española de ciclismo. No momento da xustificación terán que presentar un certificado expedido pola federación que corresponda acreditando a asistencia a ese mínimo de seis probas cos seus equipos dados de alta correctamente.
  • No caso de judo e doutras modalidades as entidades solicitantes deberán acreditar, para poder solicitar a subvención, dous documentos:
    1. Certificado da federación pertinente que acredite a categoría nacional do club solicitante e o calendario de competición oficial
    2. Anexo III: declaración por parte do club dos desprazamentos a competicións oficiais federadas fóra da comunidade autónoma cun mínimo de 7.500 km, así como do número de persoas desprazadas

Debido á situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19, desde a Deputación de Pontevedra enténdese a imposibilidade de asistir a competicións mentres dure o estado de alarma polo que, excepcionalmente durante esta temporada, se o club non alcanzase o mínimo de 7.500 km esixidos na súa previsión, deberá xuntar unha declaración indicando as probas ás que non puido asistir debido ao estado de alarma. A xustificación destes desprazamentos sufrirá modificacións, que se detallan na base décimo terceira.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra https://sede.depo.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda. Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Non obstante, de acordo co establecido na Resolución núm. 2020002869, de 24 de marzo de 2020, pola que se aproba a instrución de servizo sobre as medidas urxentes e extraordinarias a adoitar na tramitación administrativa dos distintos procedementos na Deputación Provincial de Pontevedra como consecuencia da declaración do estado de alarma polo COVID-19, as bases reguladoras poderán ser obxecto de publicación a meros efectos informativos. Esta publicación terá como obxecto que as posibles persoas interesadas vaian adiantando trámites. Neste suposto, os prazos administrativos entrarán a computar cando se levante o estado de alarma.

Outra normativa de referencia

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
  • Lei 38/2003, xeral de subvencións.
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.