SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de PontevedraSede Electrónica | Deputación de Pontevedra

1931683 Programa "Coñece o Museo de Pontevedra" - Solicitude de participación

Os centros escolares da provincia de Pontevedra que o desexen poden acollerse ao programa Coñece o Museo de Pontevedra convocado pola Deputación de Pontevedra, coa finalidade de achegar aos escolares da provincia de Pontevedra toda a riqueza cultural da colección do museo e o intenso labor que desenvolve neste eido.

As visitas realizaranse dentro do horario de apertura ao público do museo, entre as 10:00 e as 21:00, e o tempo de visita oscilará entre os 60 e os 90 minutos en función do itinerario elixido.

Poderase escoller entre percorridos de carácter xeral ou temáticos segundo o nivel do alumnado. Para máis información chamar ao teléfono 986 804 100, extensións 42412 e 42413, ou a través do correo electrónico: gabinetedidactico.museo@depo.gal.

O grupo visitante irá acompañado polo persoal do Gabinete Didáctico, quen, dependendo da modalidade escollida, poderá facerlle entrega ao alumnado de material educativo complementario.

Deberase respectar a hora, o número de alumnado e o nivel educativo concertado. O Gabinete Didáctico será o encargado de velar polo cumprimento deste apartado, podendo incluso, suspender a visita seguindo criterios pedagóxicos e de seguridade.

A Deputación de Pontevedra financiará unha visita e un autobús por centro escolar ata esgotar a dotación orzamentaria.

As axudas aos centros adxudicaranse atendendo a criterios orzamentarios, de funcionalidade e de operatividade, aboando a Deputación o prezo da viaxe en consideración ao prezo medio do mercado.

Unha vez outorgada e realizada a visita, a empresa de transportes presentará a factura correspondente de acordo coa cantidade inicialmente presupostada e solicitada.

Quedarán excluídos da axuda os centros escolares do núcleo urbano da cidade de Pontevedra.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Museo de Pontevedra

Prazos para o seu inicio e finalización: Aberto todo o ano

Os centros escolares da provincia de Pontevedra que o desexen poden acollerse ao programa Coñece o Museo de Pontevedra.

Os centros escolares da provincia de Pontevedra interesados achegarán a seguinte documentación:

  • Modelo de solicitude normalizado
  • Orzamento da empresa que realizará o servizo de transporte no caso de centros escolares que non pertenzan ao nucleo da cidade de Pontevedra e que soliciten a subvención do transporte

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da institución provincial admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNI-e).

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local