SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

1997857 Programa Depotermal - Adhesión de concellos

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, convoca a cuarta edición do plan “Depotermal”.

Trátase dun plan cun claro obxectivo social, xa que lles facilita o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro modo non poderían beneficiarse da súa dobre función –como período de vacacións e tamén como tratamento sanitario–.

Así mesmo, tamén pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, co que se impulsen a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

Así, procédese á convocatoria pública, por parte da Deputación, do plan de termalismo social “Depotermal”, que ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.

Poderán adherirse a este plan todos os concellos da provincia de Pontevedra.

En “Depotermal” 2020 contémplanse dous programas termais:

  1. Programa de asistencia diaria a balnearios durante cinco días consecutivos
  2. Programa termal con pernoita

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cohesión Social e Xuventude

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 12 de febreiro de 2020 ata o 25 de febreiro de 2020.

Todos os concellos da provincia de Pontevedra poderán sumarse ao plan mediante a solicitude de adhesión dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).

Os concellos que se adhiran ao plan actuarán como entidades colaboradoras na súa xestión e deberán cumprir coas obrigas que se establezan nas bases reguladoras segundo o disposto na LXS.

Esta adhesión supón a obriga de rexistrar cada solicitude das persoas empadroadas no formulario web que a institución provincial habilitará para que cubran as e os profesionais responsables dos concellos, segundo o establecido na base oitava desta convocatoria.

Así mesmo, deberanse determinar as persoas usuarias que se beneficiarán daquelas prazas reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social, o que se acreditará mediante unha valoración social da ou do traballador social dos servizos sociais comunitarios municipais, de acordo co establecido na base oitava.

Os concellos interesados achegarán coa solicitude a seguinte documentación:

  • Certificación da Secretaría do concello que corresponda sobre a adhesión ao plan (Anexo I)

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da institución provincial admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNI-e).

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local