SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

1996663 Programa Musigal - Solicitude de grupos acollidos

A Deputación de Pontevedra, co obxecto de contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra e de fomentar ao tempo o uso e a normalización social da lingua galega e a defensa dos valores da igualdade de xénero, pon en marcha o programa “Musigal” 2021.

Este programa nace co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, xa que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

O programa “Musigal” 2021 desenvólvese con cargo á aplicación orzamentaria 21/330.3340.226.30 por un importe total de 500.000 €.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cultura

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 28 de xaneiro de 2021 ata o 15 de febreiro de 2021

Poderán beneficiarse deste programa os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes.

A cada concello concederáselle unha única actuación para o ano 2021.

Non obstante, na solicitude os concellos poderán indicar ou sinalar ata un máximo de tres grupos por orde de preferencia, e farán constar o nome do grupo ou artista, a data e o lugar fixados para levar a cabo a actuación. No caso de que, por algunha causa imprevista, se produza un cambio de lugar ou data dalgunha das actuacións, o concello trasladaralle este cambio ao Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra acompañado da conformidade do grupo.

Os concellos beneficiarios das actuacións deberán enviar ao correo electrónico cultura@depo.gal, antes da realización da actuación, un arquivo PDF co cartel publicitario en galego do evento no que se indique a súa pertenza ao programa “Musigal” 2021 da Deputación de Pontevedra, seguindo o modelo normalizado que figura na páxina web da Deputación de Pontevedra.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal .

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda.

Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da institución provincial admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNI-e).

Bases (ligazón ás bases)

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local