SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de PontevedraSede Electrónica | Deputación de Pontevedra

1987063 Programa Musigal - Solicitude de inclusión

A Deputación de Pontevedra, co obxecto de contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra e de fomentar ao tempo o uso e a normalización social da lingua galega e a defensa dos valores da igualdade de xénero, pon en marcha o programa “Musigal”.

Este programa nace co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, xa que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cultura

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 29 de novembro de 2019 ao 20 de decembro de 2019

Poderán inscribirse neste programa unicamente os grupos musicais profesionais que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que fagan música en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega.

Cada grupo musical profesional ou entidade presentará unha única solicitude de inscrición na que indicará a categoría na que desexa inscribirse.

Non se admitirán neste programa grupos inscritos no Catálogo de grupos Pontegal da Deputación de Pontevedra.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    a. Orzamento: o importe do espectáculo será fixado libremente polos grupos e as e os intérpretes. Deberase especificar, por unha banda, o caché da actuación e, por outra, o custo do equipamento técnico necesario para a súa realización. Este último custo (o do equipamento técnico) aboarao integramente o concello que solicite a actuación

    b. Memoria do espectáculo que inclúa:

      1. Descrición do espectáculo, acreditando o emprego do galego como mínimo no 70 % das obras musicais que se interpretarán

      2. Repertorio musical e duración do espectáculo

      3. Ficha do grupo que conteña:

        — as e os integrantes do equipo artístico e técnico

        — as necesidades técnicas e de produción

    c. No caso de que se queiran integrar na categoría Son mocidade deberán achegar unha fotocopia do DNI ou NIE das e dos compoñentes para os efectos de comprobación das idades

    d. Certificado de exclusividade da ou do representante da entidade para a contratación do grupo

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda.

Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local