Poderán inscribirse neste programa unicamente os grupos musicais profesionais que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que fagan música en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega.
Os grupos interesados, sen personalidade xurídica propia, poderán formular as súas solicitudes por medio de representante autorizado para a contratación exclusiva do grupo no ámbito da provincia de Pontevedra. Cada entidade ou persoa representante presentará un máximo de catro solicitudes de inscrición de grupos musicais neste programa.
Non se admitirán neste programa grupos inscritos no Catálogo de grupos Pontegal da Deputación de Pontevedra.
Documentación requirida
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Memoria do espectáculo que inclúa:
Descrición do espectáculo, acreditando o emprego do galego como mínimo no 70 % das obras musicais que se interpretarán
Repertorio musical e duración do espectáculo
Ficha do grupo que conteña:
as e os integrantes do equipo artístico e técnico
as necesidades técnicas e de produción
Certificado de exclusividade da ou do representante da entidade para a contratación do grupo no ámbito da provincia de Pontevedra
Como facelo
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda.
Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).