SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de PontevedraSede Electrónica | Deputación de Pontevedra

1986497 Inscrición no Catálogo de grupos Pontegal

O Catálogo de grupos Pontegal da provincia de Pontevedra configúrase como o inventario de grupos, artistas e compañías, nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, co fin de favorecer e impulsar a actividade artística e a riqueza da cultura popular existente na provincia de Pontevedra.

Este catálogo pretende ser un instrumento vivo, útil e eficaz para o coñecemento dos diferentes grupos de música, teatro, danza e outras modalidades artísticas que existen na provincia, que serva como base para que as entidades interesadas na promoción e difusión cultural, como organizadoras de actos culturais, poidan programar as súas actividades tomando como referencia un catálogo de grupos provinciais.

Nel recollerase información detallada sobre cada un dos grupos ou artistas.

A inclusión no Catálogo Pontegal non implica a obriga de contratar, nin para a Deputación de Pontevedra nin para as entidades solicitantes.

Prazo de resolución: 1 mes

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cultura

Prazos para o seu inicio e finalización: Aberto todo o ano

Poderán solicitar a inclusión no Catálogo Pontegal todas aquelas manifestacións artístico-culturais que teñan o seu domicilio fiscal na provincia de Pontevedra e que se inclúan nalgunha das seguintes categorías:

1. Bandas de música que teñan:

  1. Grupo A: un mínimo de 65 membros e escola de música
  2. Grupo B: un mínimo de 50 membros
  3. Grupo C: un mínimo de 35 membros; bandas das escolas de música e bandas infantís e xuvenís dependentes doutras entidades musicais incluídas nos apartados a) e b) desta categoría

2. Masas corais que teñan:

  1. Grupo A: un mínimo de 40 membros
  2. Grupo B: un mínimo de 25 membros

3. Grupos folclóricos que teñan:

  1. Grupo A: 30 membros, grupo instrumental propio e escola de baile e que acrediten documentalmente que realizan actividades de investigación ou etnografía, entre outras
  2. Grupo B: 20 membros, grupo instrumental propio e escola de baile
  3. Grupo C: 16 membros e grupo instrumental propio

4. Teatro:

  1. Grupo A: compañías profesionais que cumpran co I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia e que acaden unha puntuación mínima de 25 puntos
  2. Grupo B: compañías profesionais que cumpran co I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia
  3. Grupo C: compañías non profesionais, as dependentes de asociacións sen ánimo de lucro

5. Música clásica:

  1. Grupo A: grupos de cámara
  2. Grupo B: solistas, dúos, tríos, cuartetos e quintetos
  3. Bandas de jazz
  4. Orquestras clásicas

6. Música tradicional:

Bandas de gaitas, grupos de gaitas, grupos folk, pandeireteiras e rondallas.

7. Outras modalidades artísticas:

Animación infantil, audiovisuais, baile moderno, ballet, cantautoras e cantautores, charangas, grupos músico-vocais, grupos de playback, grupos pop-rock, humoristas, majorettes, maxia, outros folclores e poetas.

Para seren incluídas neste programa as agrupacións interesadas presentarán a seguinte documentación:

— DOCUMENTACIÓN XERAL:

  1. Relación nominal de compoñentes co seu número de NIF
  2. Fotografía actualizada coa totalidade das e dos compoñentes da agrupación en soporte dixital con formato JPG. Este arquivo será obxecto de comprobación e valoración para clasificar as agrupacións de acordo cos criterios establecidos na base terceira
  3. Currículo da agrupación no que se inclúa unha breve descrición da proposta artística
  4. Necesidades técnicas para a súa actuación

— DOCUMENTACIÓN ESPECÍFICA:

— Bandas de música:

  • A relación do alumnado e a do profesorado da escola de música

— Grupos folclóricos:

  • A relación nominal das persoas que compoñen o grupo folclórico co seu número de NIF
  • A relación nominal das persoas que compoñen o grupo instrumental co seu número de NIF
  • A relación do alumnado da escola de baile
  • Para os grupos folclóricos que teñan máis de 30 membros (grupo A), a acreditación documental de realizar, entre outras, actividades de investigación ou etnografía

— Teatro:

  • Memoria para ser valorada, que incluirá:
    • O caché do grupo, que se valorará ata un máximo de 30 puntos
    • O custo da montaxe, que se valorará ata un máximo de 30 puntos
    • Unha proposta da programación (obras que representarán), que se valorará ata un máximo de 10 punto
    • A relación das altas de actrices e actores, así como do equipo técnico, que se valorará ata un máximo de 30 puntos
  • Declaración xurada de cumprimento co establecido no I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia

As solicitudes de inscrición no Catálogo Pontegal presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores, segundo o previsto no artigo 14.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). Se algunha destas persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda.

Para a presentación das solicitudes, a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de métodos de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Aquelas persoas interesadas que non estean obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra.

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local