Poderán solicitar a inclusión no Catálogo Pontegal todas aquelas manifestacións artístico-culturais que teñan o seu domicilio fiscal na provincia de Pontevedra e que se inclúan nalgunha das seguintes categorías:
1. Bandas de música que teñan:
- Grupo A: un mínimo de 65 membros e escola de música
- Grupo B: un mínimo de 50 membros
- Grupo C: un mínimo de 35 membros; bandas das escolas de música e bandas infantís e xuvenís dependentes doutras entidades musicais incluídas nos apartados a) e b) desta categoría
2. Masas corais que teñan:
- Grupo A: un mínimo de 40 membros
- Grupo B: un mínimo de 25 membros
3. Grupos folclóricos que teñan:
- Grupo A: 30 membros, grupo instrumental propio e escola de baile e que acrediten documentalmente que realizan actividades de investigación ou etnografía, entre outras
- Grupo B: 20 membros, grupo instrumental propio e escola de baile
- Grupo C: 16 membros e grupo instrumental propio
4. Teatro:
- Grupo A: compañías profesionais que cumpran co I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia e que acaden unha puntuación mínima de 25 puntos
- Grupo B: compañías profesionais que cumpran co I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia
- Grupo C: compañías non profesionais, as dependentes de asociacións sen ánimo de lucro
5. Música clásica:
- Grupo A: grupos de cámara
- Grupo B: solistas, dúos, tríos, cuartetos e quintetos
- Bandas de jazz
- Orquestras clásicas
6. Música tradicional:
Bandas de gaitas, grupos de gaitas, grupos folk, pandeireteiras e rondallas.
7. Outras modalidades artísticas:
Animación infantil, audiovisuais, baile moderno, ballet, cantautoras e cantautores, charangas, grupos músico-vocais, grupos de playback, grupos pop-rock, humoristas, majorettes, maxia, outros folclores e poetas.
Para seren incluídas neste programa as agrupacións interesadas presentarán a seguinte documentación:
— DOCUMENTACIÓN XERAL:
- Relación nominal de compoñentes co seu número de NIF
- Fotografía actualizada coa totalidade das e dos compoñentes da agrupación en soporte dixital con formato JPG. Este arquivo será obxecto de comprobación e valoración para clasificar as agrupacións de acordo cos criterios establecidos na base terceira
- Currículo da agrupación no que se inclúa unha breve descrición da proposta artística
- Necesidades técnicas para a súa actuación
— DOCUMENTACIÓN ESPECÍFICA:
— Bandas de música:
- A relación do alumnado e a do profesorado da escola de música
— Grupos folclóricos:
- A relación nominal das persoas que compoñen o grupo folclórico co seu número de NIF
- A relación nominal das persoas que compoñen o grupo instrumental co seu número de NIF
- A relación do alumnado da escola de baile
- Para os grupos folclóricos que teñan máis de 30 membros (grupo A), a acreditación documental de realizar, entre outras, actividades de investigación ou etnografía
— Teatro:
- Memoria para ser valorada, que incluirá:
- O caché do grupo, que se valorará ata un máximo de 30 puntos
- O custo da montaxe, que se valorará ata un máximo de 30 puntos
- Unha proposta da programación (obras que representarán), que se valorará ata un máximo de 10 punto
- A relación das altas de actrices e actores, así como do equipo técnico, que se valorará ata un máximo de 30 puntos
- Declaración xurada de cumprimento co establecido no I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia
As solicitudes de inscrición no Catálogo Pontegal presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.
A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores, segundo o previsto no artigo 14.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). Se algunha destas persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda.
Para a presentación das solicitudes, a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de métodos de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).
Aquelas persoas interesadas que non estean obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra.