As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Proxecto técnico, documento técnico ou, no seu caso, memoria descritiva da actuación que se pretende desenvolver
b) Anexo fotográfico en cor que reflicta o estado real de conservación do inmoble e a súa localización
c) Orzamento detallado e totalizado (coas cantidades, os prezos unitarios e o IVE) do investimento que se vai realizar asinado pola persoa representante
A entidade deberá solicitar, no caso de que o gasto sexa superior a cincuenta mil (50.000,00) euros, como mínimo tres ofertas de distintos provedores para realizar as obras
d) Documento acreditativo da titularidade do ben obxecto de restauración. O concello deberá ser, en todo caso, titular dos bens, instalacións ou terreos nos que se van executar os investimentos, ben porque sexa propietario ben porque dispoña dun dereito de uso ou cesión sobre estes
No caso de subvencións por importe superior a 50.000,00 euros para bens inventariables (adquisición, rehabilitación e mellora) recollerase o período durante o cal se destinarán eses bens ao fin para o que se concede a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos no caso de bens inscritibles nun rexistro público nin a dous anos para o resto de bens (artigo 15.6.g) da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra).
Será responsabilidade da persoa beneficiaria a obtención das correspondentes licenzas, autorizacións ou permisos para a execución das obras obxecto da axuda.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.
Para a presentación das solicitudes a través do rexistro electrónico a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal), e os certificados electrónicos (incluído o DNIe).