SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

688053 Subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixido a Concellos da provincia de Pontevedra

Procedemento de axudas aos concellos da provincia de Pontevedra para:

a) A restauración de bens inmobles de titularidade municipal dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.

b) A adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra.

c) A instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

A concesión das axudas efectuarase mediante o procedemento de concorrencia non competitiva.

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, obxectividade, transparencia e igualdade.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados por esta Administración.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Patrimonio Material e Memoria Histórica

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 26 de agosto de 2020 ata o 25 de setembro de 2020

Poderán solicitar estas subvencións todos os concellos da provincia de Pontevedra cun máximo de 50.000 habitantes que desexen acollerse a esta convocatoria.

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico, documento técnico ou, no seu caso, memoria descritiva da actuación que se pretende desenvolver

b) Anexo fotográfico en cor que reflicta o estado real de conservación do inmoble e a súa localización

c) Orzamento detallado e totalizado (coas cantidades, os prezos unitarios e o IVE) do investimento que se vai realizar asinado pola persoa representante

A entidade deberá solicitar, no caso de que o gasto sexa superior a cincuenta mil (50.000,00) euros, como mínimo tres ofertas de distintos provedores para realizar as obras

d) Documento acreditativo da titularidade do ben obxecto de restauración. O concello deberá ser, en todo caso, titular dos bens, instalacións ou terreos nos que se van executar os investimentos, ben porque sexa propietario ben porque dispoña dun dereito de uso ou cesión sobre estes

No caso de subvencións por importe superior a 50.000,00 euros para bens inventariables (adquisición, rehabilitación e mellora) recollerase o período durante o cal se destinarán eses bens ao fin para o que se concede a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos no caso de bens inscritibles nun rexistro público nin a dous anos para o resto de bens (artigo 15.6.g) da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra).

Será responsabilidade da persoa beneficiaria a obtención das correspondentes licenzas, autorizacións ou permisos para a execución das obras obxecto da axuda.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.

Para a presentación das solicitudes a través do rexistro electrónico a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal), e os certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra