Poderán presentar as solicitudes os concellos cun censo de poboación inferior aos 50.000 habitantes, ben individualmente ou agrupados, para as actuacións necesarias para cambiar o actual sistema por outro baseado na compostaxe.
Poderán acollerse a estas axudas os concellos que no momento de finalización do prazo de presentación de instancias estean adheridos ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra de acordo co protocolo publicado no BOPPO núm. 199, do 18 de outubro de 2016, adhesión que se pode facer simultaneamente con esta convocatoria.
As solicitudes para a liña 2 só poderán realizarse asociadas á solicitude da liña 1, ou ben coa elaboración municipal dun plan de recollida e tratamento de residuos domiciliarios que responda aos criterios do Plan Compost Revitaliza, baseado na compostaxe e que fixe obxectivos de tratamento da FORM en consonancia cos compromisos de adhesión a este Plan.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.
Para a presentación das solicitudes, a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluíndo o DNI-e).