Sede Electrónica | Deputación de PontevedraSede Electrónica | Deputación de PontevedraSede Electrónica | Deputación de Pontevedra
Volver

1017753 Camiños escolares seguros na rede de carreteras provinciais

Obxecto: o obxecto desta convocatoria é impulsar a realización de camiños escolares seguros en centros educativos no contorno das estradas provinciais.

Contía: a liña de subvencións relativa aos proxectos e plans de dinamización de camiños escolares seguros na rede de estradas provinciais da provincia de Pontevedra estará dotada con 300.000 €. A concesión de axudas económicas consistirá no financiamento de ata o 75 % do valor de redacción dos proxectos e plans de dinamización de camiños escolares e coa contía máxima de 25.000,00 € por proxecto.

Prazo de presentación: o prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), cuxo texto completo poderá consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS).

Normativa aplicable: as axudas concedidas ao amparo desta convocatoria teñen a natureza xurídica de subvencións, de acordo cos criterios establecidos na LXS.

Así, segundo o artigo 4 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra, o seu réxime xurídico axústase ao disposto nestas bases; na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS) e no seu Regulamento (Real decreto 887/2006, de 21 de xullo); na Lei 9/2007, de 13 de xullo, de subvencións de Galicia (LSG); na Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (LRBRL); na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP); nas Bases de execución do orzamento para o exercicio 2018 e na demais normativa aplicable.

Concellos da provincia de Pontevedra nos que o centro educativo de educación primaria para o que se solicita a redacción do proxecto estea situado na zona de influencia dunha estrada provincial (entenderase que se cumpre o criterio de área de influencia se a separación en liña recta é igual ou inferior a 300 m).

Será necesaria a presentación da seguinte documentación:

  • Solicitude da Alcaldía asinada, xunto co acordo de aprobación desta por parte do órgano municipal competente do concello
  • Carta de compromiso da Dirección do centro educativo de participación e dinamización do camiño escolar
  • Certificación de estar adheridos á Rede Cidade das Nenas e dos Nenos
  • Memoria da solicitude que inclúa a documentación que permita a valoración dos criterios de selección expostos

Tamén será necesario achegar un certificado, expedido pola ou polo funcionario público competente, no que se faga constar o seguinte:

  • Se o concello obtivo ou solicitou calquera outra axuda ou subvención para este fin
  • Que o concello non está incurso en ningunha causa de prohibición para a percepción de axudas públicas
  • Que está ao corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social

En caso de presentar incompleta a documentación á que se refire esta base requiriráselle á interesada ou interesado para que emende as faltas ou omisións no prazo máximo de dez días hábiles, indicándolle que, de non facelo, terase por desistido da súa solicitude, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

As solicitudes irán dirixidas á presidenta da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro xeral da Deputación, no da súa sede en Vigo ou a través de calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Os horarios dos rexistros son os seguintes:

  • Rexistro xeral da Deputación de Pontevedra (avda. Montero Ríos, s/n, Pontevedra), de luns a venres, de 8:30 a 14:30 horas e de 17:00 a 19:00 horas, e do 15 de xuño ao 15 de setembro de 8:30 a 14:30
  • Rexistro da sede da Deputación en Vigo (rúa Oporto, 3, 36201 Vigo), de luns a venres, de 9:00 a 13:00 horas

O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO, cuxo texto completo poderá consultarse na BDNS.


Volver
SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra