Este programa vai destinado a asociacións, federacións e fundacións sen fins de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres que apoien o seu desenvolvemento e apoderamento, o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.
As accións formativas estarán abertas a toda a poboación da provincia de Pontevedra, aínda que as mulleres terán preferencia. Reservarase o 25 % do total das prazas para homes, agás no bloque de contidos “Súmate ao cambio”, no que a participación pode ser mixta, xa que se cubrirán as prazas ao 50 % (en caso de existiren vacantes poderá ampliarse esta porcentaxe). As persoas participantes deberán ser maiores de idade ou polo menos ter 16 anos cumpridos.
Documentación requirida
As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Memoria das actividades do ano 2019 na que se especifiquen detalladamente os traballos realizados no eido da muller e en prol da igualdade.
Como facelo
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.
Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da institución provincial admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNI-e).