SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2412304 Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a recuperación post-COVID-19. Programa REACPON (Reacciona Pontevedra Provincia)

O programa REACPON (Reacciona Pontevedra Provincia), promovido pola Deputación de Pontevedra no marco das súas atribucións legais, ten como obxectivo dinamizar a economía e colaborar na recuperación pos-COVID-19, proporcionándolle aos concellos da provincia de infraestruturas e dotacións de carácter singular, que dificilmente poderían afrontar con fondos propios ou co Plan Concellos, así como avanzar na consecución dos obxectivos 2030 e nas liñas mestras definidas para os fondos Next Generation.

Polo tanto, trátase dun programa que xorde da necesidade de que as administracións fagan unha política económica resiliente para vertebrar o territorio con novos elementos que sirvan para facelo máis resistente á inercia dos ciclos económicos máis adversos, e iso é posible debido ao importante grao de compromiso social das políticas públicas desta Deputación.

O programa REACPON ten os seguintes obxectivos:

  • Garantir dereitos e servizos, especialmente nas áreas de coidados de menores, cultura, deporte e dinamización social
  • Loitar contra o despoboamento fomentando a igualdade de oportunidades no ámbito rural e no urbano
  • Sostibilidade (eficiencia enerxética e enerxías limpas) no uso da auga, no saneamento e na enerxía dos servizos e das instalacións públicas
  • Conectividade e dixitalización para ser máis eficientes e eficaces na prestación de servizos
  • Accesibilidade no acceso a equipamentos, espazos e infraestruturas locais no medio rural

As finalidades subvencionables articúlanse como unha batería de liñas de actuación sobre tres eixes específicos (nova edificación, rehabilitación de edificios existentes e espazos urbanos) que baixo o marco da sostibilidade contribúan á dinamización socioeconómica e á integración social desde o punto de vista económico, social e de xénero, estando aliñadas coas actuais prioridades da Unión Europea.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cooperación cos Municipios

Prazos para o seu inicio e finalización: Desde o 2 de xuño de 2021 ata o 2 de agosto de 2021

Poderán solicitar as axudas os concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación de dereito de ata 50.000 habitantes, segundo a correspondente certificación expedida polo Instituto Galego de Estatística (IGE) referida á última actualización do censo. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles concellos nos que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións ás que fai referencia a lexislación vixente en materia de subvencións.

As entidades solicitantes deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

  • Proxecto de execución redactado e debidamente asinado dixitalmente segundo o indicado no anexo I “Formato e contido do proxecto de obra civil e mobilidade” e no anexo II “Formato e contido dos proxectos de edificación e rehabilitación”. Non son admisibles denominacións xenéricas, polo que deben ser identificados con precisión e claridade os investimentos integrados no plan
  • Certificado expedido polo funcionariado público competente, no que se faga constar (anexo III): o acordo do órgano competente do concello no que se determinen o investimento ou investimentos que se realizarán e se acorde solicitar a subvención para a súa realización, coa indicación do importe
  • Certificado expedido polo funcionariado público competente no que se acredite (anexo IV): (i) a titularidade municipal, ou a súa cesión, dos elementos nos que se van desenvolver as actuacións, detallando que todas as partidas incluídas no proxecto se realizarán sobre elementos con estas características, que deberá ser efectiva antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Desta forma esta efectividade considerarase non emendable; (ii) A dispoñibilidade dos terreos, no seu caso, nos que se van desenvolver as actuacións. No caso de precisar autorizacións sectoriais o concello deberá detallalas e achegar a documentación que poña de manifesto que conta con esas autorizacións, licenzas ou permisos ou que os solicitou. Neste último caso, a concesión da subvención quedará condicionada á súa obtención, e non se procederá a aprobar o expediente de contratación da obra ata que non se obtivesen
  • Documentación pertinente para a acreditación e avaliación dos criterios de valoración aplicables. A Deputación poderá requirir cantas aclaracións considere necesarias para permitir a correcta comprobación e avaliación dos criterios

As solicitudes, asinadas polos representantes locais, presentaranse debidamente cubertas, especificando a súa denominación concreta, o orzamento e o importe da subvención solicitada, obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) de acordo co establecido nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Ditas solicitudes deberán ser aprobadas mediante un acordo do órgano competente do concello, que indique expresamente a finalidade concreta e a cantidade que se solicita, achegándose este acordo ou unha certificación acreditativa do acordo de aprobación.

No caso de presentar a solicitude de forma presencial, requiriráselle para que a emende mediante a presentación electrónica, coa concesión dun prazo de 10 días hábiles ao respecto. En todo caso, se tal emenda se efectuase fora do prazo de presentación de solicitudes, limitarase á presentación electrónica do previamente presentado presencialmente, sen que sexa posible engadirse outros documentos ou rectificar os xa achegados. Isto sen prexuízo da emenda en xeral, que no seu caso, procederase de acordo coas bases reguladoras ou segundo o art. 68.1 da Lei 39/2015.

Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluíndo o DNI-e).

Outra normativa aplicable:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación (BOPPO 30/12/2016
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local