SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2410553 Solicitude de contratos de patrocinios con entidades privadas no ámbito de producións audiovisuais “Pontevedra plató de cinema”

As actividades de promoción do sector audiovisual revisten un especial interese polo obxecto destas, así como pola súa repercusión nos medios de comunicación, en tanto que a proxección de produtos audiovisuais leva asociada unha programación de difusión en diferentes medios, televisión e/ou cines e festivais, co que, en certos casos e segundo o éxito do filme, poden acadar proxección internacional e ser un medio especialmente idóneo para publicitar a provincia.

Asociar a imaxe da Deputación a este tipo de actividades, que, en canto realizadas en lingua galega e principalmente en escenarios localizados na provincia, encaixa cos obxectivos de promoción cultural e turística desta entidade, supón importantes vantaxes de difusión en diferentes medios cun impacto global importante, o que xustifica o interese no patrocinio deste tipo de actividades.

Co fin de levar a cabo actuacións de promoción cultural e turística da provincia de Pontevedra e apoiar o auxe do audiovisual galego rodado na nosa provincia, a Deputación de Pontevedra determina as condicións xerais para a realización de contratos de patrocinio con entidades privadas que desenvolvan proxectos audiovisuais ou obras de animación en galego que melloren a visibilidade e a notoriedade da provincia de Pontevedra, segundo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade e eficiencia da utilización dos recursos públicos.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cultura

Prazos para o seu inicio e finalización: Aberto todo o ano

Poderán solicitar as peticións de patrocinio as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes que desenvolvan proxectos de produción audiovisual en galego que pola súa importancia, relevancia e transcendencia supoñan unha gran repercusión ou retorno publicitario das actividades culturais, artísticas e de fomento no uso da lingua galega que se desenvolven na provincia.

Por produtora ou produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte da persoa prestadora do servizo de comunicación/difusión audiovisual ou titular de canle televisiva privada, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, de 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Os solicitantes deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

  • Memoria explicativa do proxecto audiovisual, onde se detalle información sobre o filme ou curtametraxe: ficha técnica, guión, equipo directivo e técnico, elenco, produtora, calendario estimativo de produción, escenarios de rodaxe e porcentaxe de gravación, idioma de rodaxe, dobraxe ou subtitulado etc.
  • Plan de promoción da igualdade e relación do equipo directivo, técnico e elenco actoral
  • Traxectoria e historial de premios do director ou directora, da produtora e do elenco de actores e actrices
  • Plan publicitario: previsión das accións de difusión e publicidade que se van levar a cabo e o seu valor económico en materia de publicidade, márketing, proxeccións, edicións etc.
  • Orzamento total da produción e información relativa ao financiamento, sinalando outros apoios, patrocinios ou colaboracións de entidades públicas ou privadas.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible no procedemento SIA 2410553 da sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) de acordo co establecido nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Outra normativa aplicable:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local