SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2407550 Programa "Descúbreas"

Procedemento en prazo de presentación.

Na actualidade a desigualdade de oportunidades entre mulleres e homes na industria musical é unha realidade que revelan os datos relativos ao número de rapazas que cursan estudos nas escolas de música e as que se dedican profesionalmente á música tras rematar os estudos. Outra mostra desta desigualdade é a fenda de xénero existente na oferta musical; na maioría dos carteis dos festivais de música do noso país é moi habitual que as cabezas de cartel sexan bandas maioritariamente masculinas.

Consciente desta realidade, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha un proxecto que ten como fío condutor o empoderamento das nenas e mulleres no ámbito musical e a visibilización da música de autoría feminina, amosando referentes cunha traxectoria consolidada en todos os ámbitos do sector musical: na produción, a composición ou a interpretación, entre outros.

“Descúbreas” é un programa que ten como obxectivo articular accións que axuden a compensar as dificultades coas que as mozas se atopan actualmente na escena musical, que impiden que se dediquen profesionalmente á música cando rematan os seus estudos. Cómpre rachar cos obstáculos que dificultan o desenvolvemento da súa carreira e imposibilitan que teñan as mesmas oportunidades que os seus compañeiros varóns.

O programa comprende unha serie de accións dirixidas a xerar as condicións óptimas para acadar un espazo de encontro no que se leven a cabo actividades relacionadas co protagonismo da muller na historia da industria musical, con especial fincapé na música feita por elas, nas que amosen o seu sentir en primeira persoa, as súas inquedanzas, reivindicacións ou reflexións a través da súa propia ollada. O obxectivo deste espazo é que as estudantes de música novas, ou con inquedanza musical, encontren referentes reais, coñezan artistas na súa mesma situación e poidan trasladarlles as súas consultas a artistas xa consolidadas.

A través deste procedemento selecciónanse en réxime de concorrencia competitiva a oito rapazas participantes no programa de mentoría na primeira edición do programa “Descúbreas”, que ten por finalidade favorecer que as rapazas da provincia de Pontevedra con inquietudes musicais adquiran coñecementos para proxectar as súas carreiras no mundo da música e incidir de forma directa na súa participación e promoción na escena musical.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Igualdade

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 29 de marzo de 2021 ata o 20 de abril de 2021

É un programa de apoio e posta en marcha de propostas musicais de nenas e mozas de entre 16 e 26 anos da provincia de Pontevedra, en colaboración con profesionais do sector, escolas e produtoras.

As interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Carta de motivación
  • Currículo da súa carreira musical e a documentación acreditativa desta

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra https://sede.depo.gal

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible en https://sede.depo.gal.

As participantes deberán presentar un vídeo dunha interpretación musical propia; garantirán que o seu contido sexa orixinal e non infrinxa dereitos de terceiras persoas, e serán responsables das infraccións que poidan causar neste sentido.

Outra normativa aplicable:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro,  do  procedemento administrativo común de las  administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril , reguladora das bases do réxime local
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra