SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2327578 Programa de apoio ao emprendemento no rural. Viveiro de empresas de Lalín

Os viveiros de empresas son unhas estruturas de acollida temporal de empresas pensadas para encamiñalas nos seus primeiros pasos no mercado, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto co fin de contribuír a dinamizar o tecido produtivo do territorio provincial, a fomentar o emprego e o autoemprego e a apoiar as industrias locais, entre outros obxectivos. A Deputación de Pontevedra xestiona os viveiros de empresas de Barro e Lalín e axuda a poñer en marcha novos proxectos empresariais, por un lado, e, polo outro, oferta diversas actividades de formación e divulgación encamiñadas a darlles visibilidade a oportunidades de negocio existentes no territorio que atendan a criterios de desenvolvemento local, rural e sostible da comunidade.

Dentro deste marco competencial a Deputación de Pontevedra aprobou a convocatoria do II Programa de apoio ao emprendemento no rural-Viveiros de empresas de Deputación de Pontevedra (acción 2.1 do obxectivo 2 do Plan de dinamización), un programa de asesoramento, formación e mentoría dirixido a persoas emprendedoras, profesionais ou empresas cuxos proxectos empresariais se encadren nalgunha das seguintes tipoloxías: produción extensiva e de proximidade, economía circular, mobilidade sostible, eficiencia enerxética, turismo de proximidade, biotecnoloxía, bioconstrución, ecodeseño, reciclaxe, reparación e xestión de residuos, alimentación saudable, saúde e benestar, envellecemento activo, mellora do contorno e patrimonio cultural e territorial.

Prazo de resolución: A resolución da convocatoria terá lugar dentro dos sete días seguintes ao de finalización do prazo de presentación das propostas.

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cooperación

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 4 de xuño de 2021 ata o 24 de xuño de 2021.

Poderán optar a este programa formativo as persoas físicas ou xurídicas encadradas nun dos seguintes puntos:

a) Promotoras e promotores de novas iniciativas empresariais (profesionais ou empresas) de nova creación ou en fase de lanzamento, sucesión e recuperación de empresas en situación de peche por xubilación.

b) Profesionais e empresas que, estando en funcionamento, queiran poñer en marcha novas liñas de negocio ou precisen consolidar ou redeseñar os seus proxectos empresariais.

A presentación de solicitudes realizarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores, segundo o previsto no artigo 14.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). Se algunha destas persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda.

Para a presentación das solicitudes, a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de métodos de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Aquelas persoas interesadas que non estean obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra.

Bases: (enlace ás bases)

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  • Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación.
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.