SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2405278 Subvencións para a redacción de proxectos ou execución de obras de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos dos concellos da rede Ágora

Procedemento en prazo de presentación.

Procedemento de concesión subvencións para a redacción de proxectos de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos e para a execución de obras con estes fins no ámbito municipal dos concellos adheridos á Rede Ágora.

A Rede Ágora consiste nun proxecto de colaboración entre a Deputación e os Concellos da provincia de Pontevedra polo que se crea unha acción institucional co obxectivo de impulsar a realización de proxectos e obras de mobilidade amable e recuperar espazos públicos no ámbito municipal para devolverllos ás persoas e permitir a implantación de formas de desprazamento máis sostibles (a pé, en bicicleta etc.).

Preténdese axudar aos concellos a crear espazos públicos de calidade para as persoas, que, ao mesmo tempo, favorezan o crecemento económico, a cohesión social e a defensa do medio coa finalidade de garantir unha mellor calidade de vida para a cidadanía.

Establécense dous eixes subvencionables. Cada concello adherido á Rede Ágora só poderá solicitar unha subvención para unha única actuación e para un dos seguintes eixes subvencionables:

—    Eixe 1: redacción de proxectos de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos

—    Eixe 2: execución de obras para mobilidade amable e recuperación de espazos públicos

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 25 de febreiro de 2021 ata o 12 de abril de 2021

Poderán participar os concellos da provincia de Pontevedra que estean adheridos á Rede Ágora na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e que teñan un censo de poboación inferior aos 50.000 habitantes, segundo a correspondente certificación expedida polo Instituto Galego de Estatística (IGE) referida aos últimos datos publicados.

Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles concellos nos que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións ás que fai referencia a lexislación vixente en materia de subvencións.

As entidades interesadas deberán achegar a seguinte documentación xunto coa solicitude:

1. Acordo de aprobación desta solicitude de subvención por parte do órgano municipal competente no que se faga constar que coñece e acepta as bases da convocatoria e asume o compromiso de dar cumprimento ás condicións da subvención (anexo III)

2. Certificación do secretario na que conste (anexo IV)

— A propiedade municipal das vías ou terreos nos que se van proxectar ou realizar as obras, ou o seu dereito de uso ou cesión por tempo indefinido.

— Se o concello obtivo ou solicitou calquera outra axuda ou subvención para este fin.

— Que o concello non está incurso en causas de prohibición para a percepción de axudas públicas.

3. No caso de que existan outras axudas ou subvencións concorrentes para o investimento, achegarase o detalle de cada unha delas, e acreditarase que a suma total non supera o 100 % do importe.

4. O Plan de mobilidade sostible do Concello e o certificado de estar aprobado polo órgano competente, de ser o caso.

5. Ademais:

a. Para acceder ao eixe 1 deberá entregarse unha memoria explicativa, de extensión non superior a 5 páxinas en tamaño A4, que incluirá:

— Título do proxecto, resumo e obxecto deste e ámbito de actuación.

— Un plano ou bosquexo explicativo das liñas xerais das actuacións que se pretenden proxectar. Neste caso poderase substituír a páxina A4 por unha páxina A3.

— Cuantificación da superficie peonil existente na actualidade e a superficie peonil que se prevé proxectar segundo as estimacións iniciais. O proxecto que se redacte finalmente deberá cinguirse, como mínimo, ás especificacións contidas nesta memoria. Deberá indicarse de forma expresa o compromiso de que cos incrementos de superficie peonil indicados o proxecto que se vai redactar cumprirá os requisitos:

i. Incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade

ii. Espazos gañados para as e os peóns dunha superficie mínima de 300 metros cadrados.

— No caso de contar cun plan de mobilidade sostible, indicacións que permitan encadrar no plan as actuacións que se van proxectar.

— Xustificación do cumprimento dos principios da Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público.

b. Para acceder ao eixe 2 deberán entregarse:

a. Os documentos técnicos, a memoria valorada ou o proxecto construtivo que recollan as obras que se van realizar en formato dixital e o acordo do órgano competente do Concello no que se aprobe o citado proxecto. De ser posible, entregaranse os planos do proxecto en formato .dwg

b. Permisos ou autorizacións doutros organismos ou xustificantes de que se solicitaron, no seu caso

c. Memoria explicativa, de extensión non superior a 4 páxinas en tamaño A4, que incluirá:

— Cuantificación de xeito claro da superficie peonil existente na actualidade e da superficie peonil que haberá unha vez executadas as obras segundo o proxecto construtivo; entenderase como superficie peonil todo aquel espazo no que quede permitida unicamente a súa utilización por medios de mobilidade activa ou, excepcionalmente, por tráfico rodado de residentes, servizos e vehículos de emerxencia. Ademais, deberá indicar de forma expresa que se cumpren os requisitos:

i. Incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade.

ii. Espazos gañados para as e os peóns dunha superficie mínima de 300 metros cadrados.

— Xustificación do cumprimento dos principios da Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público, dos criterios establecidos na Guía básica de espazos públicos e mobilidade amable e nos seus anexos, así como a adecuación á normativa municipal no caso de existir.

— Incluiranse, ademais, no caso de contar cun Plan de mobilidade sostible, indicacións que permitan encadrar as obras proxectadas no plan.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) de acordo co establecido nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda. En todo caso, se tal emenda se efectuase fóra do prazo de presentación de solicitudes, esta deberá limitarse á presentación electrónica do previamente presentado presencialmente, sen que poidan engadirse outros datos ou documentos ou rectificar os xa achegados.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluíndo o DNIe).

Outra normativa de referencia

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación