SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2083063 Programa de fomento da empregabilidade na provincia de Pontevedra "O teu primeiro emprego" en organizacións non gobernamentais

Procedemento en prazo de presentación.

Convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, para a selección de organizacións non gobernamentais da provincia de Pontevedra como entidades colaboradoras, a orde de prelación que determinará as titulacións dos 20 postos de traballo que se van desempeñar baixo a modalidade de contrato en prácticas, e o desenvolvemento destas bases, que regularán as relacións entre a Deputación de Pontevedra e as entidades colaboradoras.

Co fin de poder adquirir a práctica profesional adecuada ao nivel de estudos cursados e facilitar a inserción no mercado laboral, as contratacións laborais en prácticas que se deriven realizaranse entre as entidades colaboradoras e as persoas tituladas universitarias e de formación profesional de ciclos superiores que cumpran as seguintes condicións:

a) Estar en posesión dun título universitario ou de formación profesional de grao superior ou de títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, de acordo coas leis reguladoras do sistema educativo vixente, que habiliten para o exercicio profesional

b) Que no momento da contratación non transcorresen máis de cinco anos, ou de sete cando o contrato se realice cunha persoa con discapacidade, desde a terminación dos correspondentes estudos

c) Non ter experiencia laboral previa na titulación obxecto do contrato (nos grupos de cotización 1 ou 2 para titulacións universitarias e nos grupos 3 ou 5 para ciclos superiores) ou non haber estado dado de alta como persoa autónoma en actividades relacionadas coa titulación, por tempo superior a 6 meses ou a 184 días

d) Non ter estado contratada en prácticas por tempo superior a 6 meses nin estar contratada en prácticas no momento da selección nalgún dos programas de “O teu primeiro emprego”

A través desta subvención financiarase unha parte do custo laboral total dun contrato en prácticas por un primeiro período de seis meses prorrogables por outros seis meses máis, condicionado á existencia de crédito suficiente no Orzamento provincial correspondente.

O crédito destinado a este programa ascende a 240.000 €, que se financiarán do seguinte xeito:

— Anualidade 2021: 160.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 21/240.2410.489.01

— Anualidade 2022: 80.000 €, que quedarán condicionados á aprobación do correspondente Orzamento xeral desa anualidade

Este programa adaptarase ás decisións que tomen as administracións públicas competentes e á evolución da actual crise sanitaria derivada da COVID-19 ou calquera outra circunstancia sobrevida de forza maior; poderase cancelar se a situación continúa no tempo e as entidades non houbesen contratado.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 15 de marzo de 2021 ata o 14 de abril de 2021

Poderán ser entidades colaboradoras das axudas ou subvencións previstas neste programa as organizacións non gobernamentais, en concreto as asociacións sen ánimo de lucro que desenvolvan programas ou sexan titulares ou xestoras de centros ou programas de servizos sociais inscritas no RUEPSS, que dispoñan da capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos e que non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).

Para que se lles concedan as subvencións as entidades colaboradoras deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter o seu domicilio fiscal en calquera concello da provincia de Pontevedra

2. Estar legalmente constituídas e ter iniciada a súa actividade

3. A actividade da entidade, definida nos seus estatutos, ten que estar relacionada co perfil profesional da persoa contratada

4. Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda Autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra

5. Non estar nin ter estado incursas nun expediente de despido improcedente de ningunha persoa traballadora da entidade correspondente, que ocupase un posto similar ao que se solicita, nos tres meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, nin en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG)

Para a consideración como organizacións non gobernamentais atenderase á inscrición no RUEPSS como asociacións sen ánimo de lucro que desenvolvan programas ou sexan titulares ou xestoras de centros ou programas de servizos sociais.

Estas entidades colaboradoras determinarán na memoria-proxecto de actuación os perfís dos postos de traballo que desempeñarán, segundo a titulación requirida e a actividade que desenvolvan no centro de destino, de conformidade coa codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións (CNO) (https://www.ine.es/daco/daco42/clasificaciones/cno11_estructura.xls)

O aproveitamento do rendemento do traballo das persoas tituladas que se contraten, constitúe, para as entidades colaboradoras, a compensación pola colaboración coa Deputación na consecución dos obxectivos deste programa.

1. As entidades solicitantes deberán completar na súa solicitude todos os datos necesarios para a tramitación do procedemento.

2. Xunto co formulario de solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Acreditación do cargo e representación: se a persoa que asina a solicitude é representante da entidade colaboradora, a súa representación verificarase coa sinatura electrónica e/ou a inscrición no RUEPSS. Se a persoa que asina a solicitude non é representante da entidade, será necesario enviar cuberto e asinado o anexo I, no cal a persoa representante da entidade colaboradora autoriza a entidade solicitante a presentar a solicitude.

b) Anexo II: Comprobación de datos da persoa titora

3. Documentación opcional para a valoración (memoria técnica) que inclúa:

• Certificación das funcións que realiza a persoa titora

• Relación numerada de todas as accións ou medidas contempladas en cada un dos apartados do criterio de avaliación número 2 da base 12 da convocatoria

• Relación xurada das accións formativas que se lle ofrecerán á persoa contratada

4. A documentación complementaria presentarase obrigatoriamente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a mostra do documento orixinal para cotexar coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos.

Se se anexa unha memoria técnica, esta non poderá superar as 10 páxinas. O tipo de letra utilizado será Arial 12, excepto para os títulos, que será Arial 14 e Arial 16. Utilizarase un interliñado a 1,15 e o espazo entre parágrafos será de 6 puntos.

6. Non será necesario achegar os documentos que xa se presentaron anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar na solicitude en que momento e ante que órgano administrativo os presentou.

Nos supostos de imposibilidade material para obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7. Se tras o exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requiriráselle á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), terase por desistida a súa petición, previa á correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 desta lei.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra https://sede.depo.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNI-e).

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de octubre, do procedemiento administrativo común das administraciones públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembre, xeral de subvencións
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local