SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

215828 Subvencións dirixidas ás entidades sen fins de lucro para as actividades de dinamización da lingua galega

Procedemento en prazo de presentación.

Procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, encamiñadas á dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso do noso idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social, e para as actividades que organicen as entidades culturais sen fins de lucro no seu termo municipal, que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021 a través, entre outras, das seguintes accións:

a) Fomento da creación e difusión cultural en lingua galega

— Certames literarios e xornalísticos

— Creación audiovisual e literaria

— Feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega

b) Sociolingüística e toponimia

— Estudos e publicacións sobre sociolingüística

— Xornadas e publicacións de recuperación da toponimia

c) Fomento do emprego do galego no comercio e na industria

— Xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega

d) Recoñecementos e distincións

— Actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego

e) Obradoiros orientados a reforzar o traballo a prol do uso da lingua entre a veciñanza.

f) Producións de materiais en galego (documentación permanente, creativa ou publicitaria; revistas en papel e en formato electrónico, vocabularios, manuais; recursos para o lecer e xogos en galego, páxinas web; e outros) que teñan como fin introducir ou estender o uso da lingua nalgún eido.

Quedan excluídos desta convocatoria e, polo tanto, non serán obxecto de subvención:

• As actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación

• Os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos bancarios, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realicen ao longo de todo o ano

• As viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares

• Os gastos gastronómicos, agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento

• As actividades que ocasionen ou xustifiquen o maltrato de persoas ou animais

• As actividades de caracter deportivo.

• As ANPA, as federacións e os clubs deportivos.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Lingua

Prazos para o seu inicio e finalización: Do 8 de marzo 2021 ata o 15 de abril de 2021

Poderán solicitar estas subvencións as entidades culturais que reúnan os seguintes requisitos:

  • Carecer de fins de lucro (feito que se debe acreditar cunha declaración responsable da persoa representante)
  • Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra deste ámbito cando versen sobre temas de interese para a provincia
  • Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas
  • Non estar incursas nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei
  • Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.

Non poderán beneficiarse destas subvencións as asociacións que teñan pendentes de xustificar subvencións para actividades culturais concedidas no exercicio anterior.

Cada entidade pode presentar unha única solicitude para optar a esta convocatoria, na que se indicará a actividade concreta que se vai realizar.

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación: ·        

  • Memoria explicativa dunha actividade concreta, asinada pola persoa representante.

En ningún caso se subvencionarán as actividades que se realicen ao longo de todo o ano senón unicamente unha actividade concreta, da que se terá que indicar o lugar e mais as datas de realización.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede Electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal), de acordo co establecido nos artigos 14.2 e 16 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de modo presencial requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considérase como data de presentación da solicitude aquela na que se realice a emenda.

Para a presentación das solicitudes a Sede Electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Outra normativa de referencia:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Ordenanza reguladora de subvencións da Deputación Provincial de Pontevedra