SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2509854 Solicitude de axudas para impulsar a formación de mulleres en postos de técnicas/adestradoras no ámbito deportivo

Procedemento en prazo de presentación.

O deporte consolidouse como unha actividade esencial de máxima relevancia na sociedade actual. Asóciase directamente a un modo de vida saudable que contribúe a mellorar a condición física e fomenta valores coma os de superación, loita, respecto ás demais persoas e ás normas, e de crecemento persoal baseado no esforzo e na mellora do propio rendemento.

Debido á escasa presenza de mulleres en determinados ámbitos do deporte e, en concreto, nos equipos técnicos, é necesario articular vías para aumentar o número de adestradoras nos equipos femininos e masculinos de deporte base e de elite.

Así, a muller debería estar presente en todas as disciplinas e ámbitos do deporte base e de elite como deportista, adestradora ou xuíza. Con iso, tamén se conseguirá que nun futuro un maior número de mulleres poida ocupar altos cargos de decisión en organizacións deportivas.

Deste xeito, unha das liñas prioritarias debe ser a formación especializada, entendida como un elemento de excelencia, dirixida a adestradoras e técnicas no ámbito deportivo.

Co presente procedemento, a Deputación de Pontevedra quere asumir un compromiso firme coa dimensión social da educación e do deporte a través dunha política de axudas ao estudo que garanta a cohesión social e a igualdade de oportunidades no ámbito das titulacións dos ensinos deportivos.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Deportes

Prazos para o seu inicio e finalización: Desde o 9 de novebro de 2021 ata o 1 de decembro de 2021.

Poderán beneficiarse desta convocatoria as mulleres empadroadas na provincia de Pontevedra polo menos desde o 1 de xaneiro de 2021.

As persoas solicitantes deberán entregar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

  • Documento acreditativo do pagamento da matrícula do curso obxecto de subvención

As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Opcionalmente, as solicitudes poderán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Enlace ás bases: https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2021/11/08/2021055561

Outra normativa aplicable:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación (BOPPO 30/12/2016)
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local