SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2450517 Subvencións dirixidas a ONGs de cooperación ao desenvolvemento

Procedemento en prazo de presentación.

No artigo 98 da Lei 10/2021, de 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, establécese que “as entidades locais poderán desenvolver actuacións de cooperación para o desenvolvemento, como proxección exterior do exercicio das súas competencias, promovendo a coordinación e complementariedade entre as administracións públicas e achegando un valor engadido, especialmente naqueles ámbitos nos que o municipalismo galego conta con experiencia e capacidade diferenciadas, como a protección dos dereitos sociais básicos (…), a igualdade de xénero, a educación para a cidadanía global (…)”, entre outros.

Así mesmo, existe un compromiso por parte desta Deputación de contribuír a conseguir os obxectivos establecidos na Axenda de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), aprobada na Asemblea Xeral de Nacións Unidas en setembro de 2015, e mostrar o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos en todo o mundo.

Así, este protecedemento ten por finalidade ofrecer axudas de cooperación ao desenvolvemento é promover a mellora das condicións de vida e un desenvolvemento sostible da poboación dos países empobrecidos, mediante o fomento de actuacións dirixidas a erradicar a pobreza en todas as súas manifestacións, que é o obxectivo propio e esencial da cooperación ao desenvolvemento, particularmente aquelas que impliquen proxectos de promoción de iniciativas cuxo obxectivo prioritario sexa o empoderamento das mulleres e a defensa dos seus dereitos, particularmente os dereitos sexuais e reprodutivos e a unha vida libre de violencias, así como os que promovan o apoio ás entidades e organizacións feministas e de mulleres sobre o terreo, especialmente ás mulleres defensoras de dereitos.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Cohesión Social e Xuventude

Prazos para o seu inicio e finalización: Desde o 5 de outubro de 2021 ata o 4 de novembro de 2021

Poderán beneficiarse destas subvencións as ONGD que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que estean inscritas no Rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, na Sección “A”, para o desenvolvemento, polo menos cun ano de antelación ao día de publicación desta convocatoria
  • Carecer de ánimo de lucro e non depender económica ou institucionalmente de entidades lucrativas
  • Ter entre os seus fins institucionais expresos a realización de actividades relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento e co fomento da solidariedade entre os pobos, coa cooperación social ou con calquera outra actividade de natureza similar
  • Dispoñer da estrutura necesaria para garantir o cumprimento dos seus obxectivos e acreditar unha experiencia mínima de dous anos realizando proxectos e coa consecuente capacidade operativa para poder levalos a cabo. Esta deberá acreditarse segundo o previsto na base décimo segunda
  • Presentar un proxecto que sexa tecnicamente viable
  • Ter sede ou domicilio social na provincia de Pontevedra. Tamén poderán participar as entidades que teñan delegación permanente na provincia de Pontevedra (entenderase como tal aquela que conte con persoal permanente de organización, xa sexa contratado ou voluntario e persoal local fixo para a realización de actividades) e aquelas que acrediten que realizaron actividades na provincia durante os dous últimos anos
  • Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir as axudas ou subvencións públicas nin incorrer en ningún dos casos de prohibición para percibir subvencións recollidos na lei
  • Estar ao corrente das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra

As entidades interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Proxecto descritivo da actividade para a que se solicita a subvención segundo o establecido no documento Anexo I ás bases e memoria económica das actuacións para as que solicita a subvención.
  • Copia dos estatutos da entidade onde conste explicitamente a inexistencia de ánimo de lucro.
  • Certificación acreditativa de que dispón de domicilio social ou delegación permanente na provincia de Pontevedra e compromiso de mantela aberta durante ao menos 1 ano despois da finalización do proxecto.
  • Carta de compromiso de participación no proxecto por parte dos parceiros locais, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade, incluíndo: Declaración da persoa que ostente a representación legal da entidade na que se especifique a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, e o seu domicilio social ou copia dos estatutos da entidade local socia.
  • No caso de que a contraparte ou socio local sexa una administración, universidade ou outra entidade pública deberá presentar: Carta de compromiso de participación no proxecto.
  • Cando se contraten servizos profesionais con terceiras persoas, e non se trate de contratación laboral de persoal directo para a realización da actividade, deberase presentar o orzamento desta contratación. Se esta supera os 3.000,00 euros haberá que presentar tres orzamentos distintos co obxecto de comprobar que se axustan aos prezos de mercado.
  • Acreditación da experiencia mínima de dous anos realizando proxectos coa consecuente capacidade operativa para poder levalos a cabo, achegando as Memorias das actividades realizadas nas que se indiquen, de ser o caso:
    • Proxectos desenvolvidos no mesmo sector de actuación (últimos 5 anos).
    • Proxectos desenvolvidos no mesmo país de execución (últimos 5 anos).
    • Proxectos desenvolvidos en parcería entre a entidade solicitante e o socio local.
  • Capacidade de xestión da entidade solicitante na que se recolla como mínimo:
    • Número de empregados/as da ONGD.
    • Número de empregados/as en Galicia, experiencia e perfil profesional.
  • Calquera outra documentación acreditativa das circunstancias que poidan ser tidas en conta na fase de valoración.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Outra normativa aplicable:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación (BOPPO 30/12/2016)
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
  • Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento