SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2450434 Subvencións para a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos

Procedemento en prazo de presentación.

Desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta cunhas liñas de subvencións dirixidas aos concellos da provincia para a rehabilitación do patrimonio e a sinalización do patrimonio histórico e cultural e a memoria histórica, co obxectivo de darlle valor á riqueza patrimonial do noso territorio mediante a súa recuperación e mellora.

A normalización democrática e a promoción, a información e a accesibilidade aos bens culturais das localidades son básicas en calquera política turística e cultural. Tan fundamental é dar a coñecer a nosa provincia como que as e os visitantes poidan acceder facilmente aos bens patrimoniais.

A Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, ten por obxecto, entre outros, adoptar medidas dirixidas a suprimir elementos de división entre a cidadanía, co fin de fomentar a cohesión e a solidariedade entre as diversas xeracións españolas arredor dos principios, valores e liberdades constitucionais.

Así, no artigo 15.1 da citada lei establécese que as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para retirar escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da guerra civil e da represión da ditadura. Entre estas medidas poderá incluírse a retirada de subvencións ou axudas públicas.

A través desta convocatoria a Deputación de Pontevedra promove unha liña diferenciada para a eliminación da simboloxía franquista dos espazos públicos. O obxectivo desta división é promover, de forma diferenciada, proxectos de normalidade democrática a través da supresión da simboloxía franquista, e seguir conservando o patrimonio histórico e cultural.

Este programa réxese polos principios de solidariedade e equilibrio intermunicipais, articulados desde o respecto á autonomía municipal por medio de criterios obxectivos e transparentes, o que permite levar a cabo investimentos e actuacións nos municipios que non resultarían asumibles para os concellos sen a cooperación económica da Deputación.

Prazo de resolución: 6 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico

Prazos para o seu inicio e finalización: Desde o 30 de setembro de 2021 ata o 29 de outubro de 2021

Poderán solicitar as axudas reguladas nestas bases os concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación de dereito de ata 50.000 habitantes, segundo a correspondente certificación expedida polo Instituto Galego de Estatística (IGE) referida á última actualización do censo. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles concellos nos que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións ás que fai referencia a lexislación vixente en materia de subvencións.

As entidades interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Proxecto técnico, documento técnico ou, no seu caso, memoria descritiva da actuación que se pretende desenvolver
  • Anexo fotográfico en cor que reflicta e recolla os elementos da simboloxía franquista que se van eliminar ou o estado real de conservación do inmoble histórico-cultural e a súa localización
  • Orzamento detallado e totalizado (coas cantidades, cos prezos unitarios e co IVE) do investimento que se vai realizar asinado pola persoa representante
  • Certificado ou documento acreditativo da titularidade, dereito de uso ou cesión do ben obxecto de restauración. O concello deberá ser, en todo caso, titular dos bens, instalacións ou terreos nos que se van executar os investimentos, ben porque sexa propietario, ben porque dispoña dun dereito de uso ou cesión indefinidos sobre estes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Outra normativa aplicable:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación (BOPPO 30/12/2016)
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
  • Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
  • Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura