SEDE ELECTRÓNICA
Deputación de Pontevedra
Sede Electrónica | Deputación de Pontevedra

2416591 Solicitude de participación nos premios Ágora de fotografía sobre o espazo público

Procedemento en prazo de presentación.

Os espazos públicos (rúas, prazas, travesías e estradas) constitúen un servizo público da mesma categoría que a educación ou a sanidade e son un dereito fundamental das persoas que están nas cidades e nas vilas, polo que deben entenderse como un espazo de encontro para construír a vida colectiva.

Desde a Deputación de Pontevedra estase a actuar con medidas novas de deseño ao proxectar elementos que vertebran itinerarios e rutas peonís e ciclistas, prestándolles especial atención ás técnicas e aos procedementos que axudan a que os distintos medios de transporte coexistan no espazo público. Estase a traballar para que as e os peóns gocen de maior prestixio que as e os condutores de automóbil e para que conten cunha superficie moito maior na rúa que os demais medios de transporte. Trátase de devolverlles ás persoas o seu espazo: se antes a tendencia era que a calzada e os espazos de aparcamento ocupasen o 80 % do espazo público, agora a aposta pasa a ser xusto á inversa.

O deseño dos espazos públicos pasou a ser un dos instrumentos do cambio da filosofía, porque actuar sobre a mobilidade dos vehículos é moito máis que racionalizar a súa circulación: é dar o primeiro paso e devolverlles as vilas e o territorio ás persoas. De feito, para mellorar a calidade nas estradas, en canto á estancia e á circulación das persoas viandantes, débese actuar no deseño tanto das beirarrúas coma dos cruzamentos, da calzada no conxunto das vías de fachada a fachada para transmitirlles ás e aos condutores a existencia doutras usuarias e usuarios principais, que son as e os peóns.

A través da Rede Ágora deséxase incentivar os concellos da provincia a adoptar decisións a prol da recuperación do espazo público dos seus ámbitos urbanos e a usar as mobilidades naturais como alternativa ás motorizadas. Existen grandes retos por diante, coma loitar contra a violencia viaria, a expulsión das persoas do espazo público ou o uso desmedido da mobilidade motorizada co consecuente aumento da contaminación ambiental e acústica.

A rede establece un decálogo de principios que se deben cumprir en todas as actuacións realizadas no espazo público dos concellos adheridos; a través deles preténdese, como fin último, mellorar a calidade de vida das persoas a través das súas relacións co espazo público.

No marco desta iniciativa convócase a primeira edición dos Premios Ágora de Fotografía sobre o Espazo Público, que non ten por finalidade recoller en imaxes proxectos de obra ou actuacións concretas e puntuais de maneira simple, senón reflectir a filosofía, os valores e os principios da Rede Ágora que apostan polo deseño de calidade, polo uso e polo gozo do espazo público por parte das persoas; é dicir, amosar a vida no espazo público como un dereito.

Prazo de resolución: 3 meses

Efectos do silencio administrativo: negativo

Unidade administrativa responsable: Servizo de Mobilidade e Espazos Públicos

Prazos para o seu inicio e finalización: Desde o 25 de agosto de 2021 ata o 24 de setembro de 2021

Poderán optar a estes premios todas as persoas físicas que así o desexen, tanto profesionais da fotografía coma afeccionadas.

Coa finalidade de garantir o anonimato da autoría das fotografías haberá unha fase previa de presentación de solicitudes de participación, co seguinte procedemento:

As persoas interesadas en participar deberán preinscribirse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, que, unha vez cuberto, xerará a solicitude en formato PDF, que se deberá imprimir e asinar para achegalo de forma presencial.

Cada solicitude incluirá un código único de preinscrición, que se poderá utilizar para presentar ata un máximo de cinco (5) fotografías.

Outra normativa aplicable:

  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións
  • Ordenanza xeral de subvencións da Deputación (BOPPO 30/12/2016)
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local